Alfonso Rueda, novo 'embaixador' dun Camiño Portugués "que temos que seguir coidando con sentidiño e agarimo"

Pontevedra
10 de setembro 2024

O presidente da Xunta recibiu a insignia de ouro da Asociación de Amigos e Amigas do Camiño Portugués a Santiago e asegurou que a ruta xacobea é "un dos mellores escaparates turísticos de Galicia cara ao mundo" e que é posible seguir medrando "con sentidiño"

O presidente da Xunta recibe a insignia de ouro de mans da Asociación de Amigos e Amigas do Camiño Portugués a Santiago
O presidente da Xunta recibe a insignia de ouro de mans da Asociación de Amigos e Amigas do Camiño Portugués a Santiago / Mónica Patxot

Coincidindo co 25 aniversario da inauguración do albergue de peregrinos de Pontevedra, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiu a insignia de ouro da Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago.

Nun acto que se celebrou este luns no Liceo Casino de Pontevedra, o presidente deste colectivo, Tino Lores, subliñou que esta distinción a Rueda é "suficientemente merecida" por todo o traballo realizado para impulsar o Camiño Portugués.

"É un peregrino de excepción, xa sexa en bicicleta ou a pé. Ama o camiño e ama a cidade de Pontevedra", destacou Lores, que lembrou que foi a Xunta que el preside quen dotou de aire acondicionado a un albergue que, hoxe en día, "é todo un referente".

Ao longo destes vinte e cinco anos, engadiu o presidente da Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, "enchemos de vida un edificio que era un máis dentro da rede de albergues e fixemos que tivera un aire especial".

"O que era un espazo frío agora é un espazo acolledor, brindando aos peregrinos a hospitalidade que ofrece a cidade de Pontevedra", sinalou Tino Lores, antes de impoñerlle a Alfonso Rueda a décimo oitava insignia de ouro que entrega a asociación.

Tras recoller este distintivo, o presidente galego sinalou que é unha "honra" recibir este premio "na miña cidade e por un camiño que tanto me gusta e no que tanto creo".

Rueda destacou que "a ninguén lle parece mal o camiño", un roteiro de peregrinación que cualificou como "unha idea simpática que entra ben en todas partes e que abre portas", polo que avogou por seguir apoiándoo "pola conta que nos trae".

Así, na "véspera" do próximo Ano Santo, que se celebrará en 2027, "queda moito traballo por facer", sostivo o titular da Xunta, que pediu abordar esa tarefa "co sentidiño, agarimo e coidado que tivemos todos estes anos".

"O camiño é un milagre e temos que seguir coidándoo", reivindicou Alfonso Rueda, que afirmou que "antes de seguir expandíndoo", con novas variantes que queren ser recoñecidas, "primeiro debemos coidar os camiños que levan tempo consolidados".

Esa é, segundo Rueda, "a tarefa que temos por diante ata o próximo Ano Santo" e para a cal "contamos con todo o mundo" porque, concluíu o presidente galego, o Camiño de Santiago "ten moito camiño por percorrer".

Entre as personalidades que acudiron a este acto, ademais dos conselleiros de Cultura e Infraestruturas, José López e María Martínez Allegue, estivo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que defendeu que a Boa Vila "ama o camiño"

Defendeu que o goberno municipal leva anos traballando para que os tramos deste roteiro que atravesan a cidade "sexan máis atractivos e teñan máis potencialidades" e apoiando todas as iniciativas que xorden á súa ao redor porque contribúen ao impulso da propia cidade.

Entre 1995 e 2005 a insignia de ouro Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago concedíase de maneira anual a persoas que contribuían a promocionar este roteiro de peregrinación a Santiago de Compostela.

Durante todos estes anos, recibírona personalidades como Manuel Fraga, José Filgueira Valverde, Mariano Rajoy, Felipe VI, a raíña Dona Sofía, Ana Botella, Julián Barrio, Jesús Pérez Varela, Gerardo Fernández Albor ou Isabel de Heredia, duquesa de Bragança.

Desde 2005 só distingue a persoas ou institucións en ocasións especiais, entre elas a Brilat (2013), o Concello de Pontevedra (2018), o entón conselleiro de Cultura, Román Rodríguez (2020), ou os presidentes das cámaras de Ponte de Lima e Viana de Castelo (2021).