Alfonso Rueda, presidente provincial do Partido Popular, chegaba ás 13.00 horas deste martes ata as escalinatas do edificio da Deputación Provincial en Montero Ríos. Facíao acompañado polo secretario xeral do PP de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Ante a porta da institución provincial esperaba un grupo de deputados provinciais do PP, cos portavoces Nidia Arévalo e Ángel Moldes á cabeza.
O anuncio desta visita provocou que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, emitise un comunicado no que afirmaba que Rueda terá unha resposta inmediata tras convocar unha nova reunión do PP na sede da Deputación.
A presidenta provincial acusa o vicepresidente da Xunta en funcións de atentar "por enésima vez" contra o respecto e a lealdade insitucional. A máxima representante da provincia lamenta que aínda continúe esperando a que Alfonso Rueda veña á Deputación "para reunirse comigo e co vicepresidente Mosquera para falar dos problemas que ten a xente nesta provincia" e sinala que convidou, sen obter resposta, ao representante da Xunta a que explique os plans que ten a administración autonómica con Ence para o Pazo de Lourizán.
Rueda, con todo, mantén outra versión. Asegura que a presidenta provincial non lle cursou invitación algunha para realizar unha visita como vicepresidente da Xunta de Galicia. E afirma que esta mesma mañá enviou unha carta para que a presidenta da Deputación manteña un encontro coa conselleira de Medio Ambiente e cos máximos responsables de Ence para estudar como abordar o futuro do Pazo de Lourizán.
Ao mesmo tempo, insiste en que o Plan de Ence contempla investimentos de tres millóns de euros anuais e, por ese motivo, considera necesario que a Deputación forme parte da comisión para estudar en que puntos estratéxicos é necesario achegar ese diñeiro. Con todo, alega Alfonso Rueda, "o único que temos recibido son descalificacións".
Ao mesmo tempo, o presidente do PP de Pontevedra sinalou que quería tratar cos deputados do seu partido a xestión dos parques de bombeiros. O equipo de goberno da Deputación reclamara a necesidade de que se acometese un cambio. Pero apunta que durante seis meses, ninguén da institución provincial presentou unha alternativa para xestionar os parques de bombeiros da provincia.
En canto ao enfado de Carmela Silva sobre os seus encontros no edificio provincial cos deputados do PP, Alfonso Rueda considera que se trata dunha concepción "patrimonialista" por parte da presidenta cando existe un local dentro do edificio para o grupo político maioritario. O líder popular alegou que el non se enfadaría se ela quixese reunirse como membro do PSOE cos deputados socialistas da provincia no Parlamento galego e ironizou "outra cousa é que a convocasen", facendo referencia ás malas relacións entre os dous bandos abertos no Partido Socialista de Galicia.
O presidente do PP de Pontevedra continuou a través de Twitter ironizando sobre a reacción de Carmela Silva co seguinte tweet:
Si @carmelasilva se pon así xq fun eu, non quero nin pensar o qué dirá o día que vaia @XoaquiFLeiceagahttps://t.co/IGHQWJ7Cyv
— Alfonso Rueda (@ARueda68) 18 de octubre de 2016
Rueda confirmou que seguirá a manter estes encontros na Deputación no futuro e engadiu que tamén está aberto a ter reunións con Carmela Silva cando lle realice unha invitación oficial como vicepresidente da Xunta de Galicia.