Alfonso Rueda seguirá sendo presidente da Xunta de Galicia. Os galegos renovaron a súa confianza no PP e, tras catro maiorías absolutas da súa precedesor, Alberto Núñez Feijóo, o pontevedrés consegue a súa propia.
Os populares lograron 40 deputados, dous menos que en 2020. Son, en todo caso, dous máis dos 38 que necesitaba para revalidar a súa maioría absoluta.
Co 99,97% dos votos escrutados, seus foron 700.269 votos, o 47,35% do total dos 1.060.739 cidadáns e cidadás que quixeron participar nestas eleccións do 18 de febreiro. A participación situouse nun 67,11%, dezaoito puntos máis que nos anteriores comicios.
A pesar de que o BNG de Ana Pontón obtivo o seu mellor resultado histórico, elevándose ata os 25 deputados -oito deles en Pontevedra-, a desfeita dos socialistas galegos, que se quedaron en apenas 9, impediu o cambio en Galicia.
Os nacionalistas rendibilizaron a súa gran campaña electoral e rompen o seu teito electoral. Lograron situarse como a clara referencia do bloque progresista e superaron o 30% dos votos. En concreto, sumou o apoio de 466.943 votantes, un 31,57%.
Os seus 25 deputados, seis máis que nas eleccións de 2020, son un éxito absoluto para Pontón, que consolida ao BNG como segunda forza en Galicia. Pero o seu ascenso será insuficiente para poder articular unha maioría de goberno.
Os terceiros en discordia, o PSdeG-PSOE de José Ramón Gómez Besteiro, sufriron un duro pau e caen ao seu mínimo histórico. Obtiveron un 14,04% dos votos, despois de que 207.674 electores optasen por eles. Iso tradúcese en 9 deputados, cinco menos que en 2020.
Estas eleccións do 18F permitirán ademais a entrada dun cuarto partido no Parlamento galego. Trátase de Democracia Ourensá, que sentará ao seu candidato, Armando Ojea, no Pazo do Hórreo. Os 15.312 votos logrados en Ourense, un 1,03%, valen un deputado.
Os demais partidos quedaron moi lonxe de conseguir deputado. Os galegos non deron nin a Vox, nin a Sumar, nin a Podemos opción algunha.
Vox, que presentou a Álvaro Díaz-Mella como candidato, obtivo o 2,19% dos votos (32.487), superando a Marta Lois, que encabezaba a Sumar Galicia, que se quedou con apenas o 1,90% das papeletas depositadas nas urnas (28.165).
A Podemos, que logrou un 0,26% dos votos (3.854), superoulle o partido animalista PACMA, que seduciu a un 0,36% dos galegos e galegas (5.372).