Alfonso Rueda cita a Fernández Lores para o próximo 25 de outubro

Pontevedra
14 de setembro 2022

Tras catro meses á fronte da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda decidiu convocar aos alcaldes das sete grandes cidades galegas para manter con eles o encontro institucional que, de maneira tradicional, mantén o líder do goberno galego tras a súa toma de posesión

Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores
Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores / Cristina Saiz

Tras catro meses á fronte da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda decidiu convocar aos alcaldes das sete grandes cidades galegas para manter con eles o encontro institucional que, de maneira tradicional, mantén o líder do goberno galego tras a súa toma de posesión.

As entrevistas cos siere rexedores, segundo os convites que realizou Rueda, realizaranse ao longo do próximo mes de outubro. Será o presidente da Xunta o que se desprace a cada unha destas cidades para verse as caras cos alcaldes.

No caso de Pontevedra, a reunión con Miguel Anxo Fernández Lores celebrarase o martes 25 de outubro, ás dez da mañá, na delegación territorial da Xunta de Galicia en Campolongo. A ela acudirá tamén o seu responsable, Luís López.

Esta rolda de encontros individuais comezará o 3 de outubro co 'cara a cara' de Rueda co alcalde de Vigo, Abel Caballero; e continuará de maneira progresiva coas reunións cos rexedores da Coruña, Ourense, Santiago, Lugo e, finalmente, Ferrol.

En todas as cartas remitidas aos alcaldes, Alfonso Rueda expón que as reunións dan continuidade ao encontro mantido en xullo co presidente da Fegamp, e convócanse atendendo ás solicitudes dos propios rexedores.

A todos eles, o presidente da Xunta ofrece a súa "disposición" e a do seu goberno para "colaborar en todos os asuntos de relevancia" para estes concellos e os seus veciños.