O candidato ás eleccións autonómicas pola provincia e presidente do PP de Pontevedra,Alfonso Rueda, ofrecía na tarde deste domingo un mitin en Caldas de Reis no que tamén participaban a conselleira de Educación Carmen Pomar e o portavoz local de partido Fernando Pérez.
Rueda, durante a súa intervención, destacaba a xestión do Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia sobre todo durante os últimos meses ante a crise provocada pola Covid-19. Segundo manifestou o Goberno de Núñez Feijóo anticipouse e subliñou o investimento durante a última década realizado na sanidade pública.
Por este motivo, indicou que ante as eleccións do próximo 12 de xullo non é momento de realizar experimentos nin de improvisar novas fórmulas senón que hai que apostar polo partido que conseguiu que Galicia sexa mellor hoxe que hai dez anos.
Apuntou a que a alternativa á opción popular é deixar o futuro de Galicia en mans dun cuadripartito en lugar de apostar por un goberno "sólido" e "cohesionado", ademais de "libre para gobernar".
Repasou as actuacións realizadas durante estes meses tan duros causados pola pandemia pero recoñeceu que a Xunta xa tomara medidas fundamentais na atención sanitaria previas a que o Goberno estatal decretase o Estado de Alarma. Neste sentido, afirmou que as prioridades de Feijóo seguen sendo as de combater a pandemia e reconstruír a comunidade. Alfonso Rueda sinalou que "unha situación complicada precisa dun líder que estea á altura. E Feijóo xa demostrou a súa valía".
Fixo referencias aos investimentos contemplados nos orzamentos para este ano destinados a Caldas como a construción dun novo centro de saúde e a ampliación do IES Aquis Celenis ou as actuacións no camiño portugués ou na Senda Verde que une ao municipio con Vilagarcía e Portas.
Por outra banda, a senadora popular Pilar Rojo; o deputado autonómico Jacobo Moreira e o presidente local en Pontevedra do Partido Popular, Rafa Domínguez, visitaban a empresa Linamar e mostraron a súa preocupación pola problemática xerada pola modificación da Lei de Costas, que está a impulsar o goberno socialista. Segundo apuntan, esta reforma provocará o peche de numerosas empresas na provincia.