Alfonso Rueda aposta en Vilanova por impulsar a Ruta Traslatio para potenciar a presenza de peregrinos

O Salnés
02 de marzo 2024

O presidente da Xunta de Galicia en funcións visitaba este sábado as obras de mellora da mariña de Vilanova de Arousa, acompañado do alcalde Gonzalo Durán; o deputado provincial Javier Tourís e concelleiros do grupo de goberno. Rueda destacou o incremento de peregrinos durante os primeiros meses deste ano respecto a 2023, que xa foi un período de récords de visitas

Alfonso Rueda visita as obras de mellora na mariña de Vilanova de Arousa
Alfonso Rueda visita as obras de mellora na mariña de Vilanova de Arousa / Concello de Vilanova de Arousa

Alfonso Rueda, presidente da Xunta en funcións, visitaba este sábado Vilanova onde destacou a boa saúde que presentan as rutas xacobeas. Estivo acompañado polo alcalde Gonzalo Durán; o deputado provincial Javier Tourís e concelleiros do grupo de goberno local.

Lembrou que en 2023 batéronse récords e que nestes primeiros meses de 2024 xa se incrementaron o número de visitasrespecto ao ano anterior. Preto de 5.300 peregrinos recolleron a súa Compostela neste primeiro tramo de 2024, case 400 máis que durante o mesmo período de 2023.

Por este motivo, o máximo representante autonómico destacou que a Ruta Traslatio é unha mostra máis do potencial de Galicia para atraer, diversificar e mellorar desde o punto de vista turístico. A intención do executivo será impulsar este itinerario para consolidalo como outro camiño de Santiago de referencia.

Rueda indicou que a idea é apostar "con sentidiño" polas visitas con sustentabilidade e sen masificación.

O presidente en funcións visitaba as obras de mellora da mariña de Vilanova de Arousa, proxecto que forma parte do Plan Xacobeo Next Generation, que conta con fondos europeos para mellorar as instalacións relacionadas co Camiño.

As obras consisten na instalación dunha rampla de acceso; placas solares e térmicas; cambio da rede de iluminación dos pantaláns e o peche da terraza, entre outras. Todas elas permitirán unha mellora de accesibilidade e de eficiencia enerxética para as persoas usuarias das instalacións deportivas, que se atopan no único roteiro xacobeo que se realiza por mar.

O investimento da Xunta é de 1,3 millóns de euros para mellorar once infraestruturas da Ruta Traslatio do Mar de Arousa e Río Ulla. Tamén se están acometendo traballos noutros municipios como Sanxenxo e O Grove.