Alfonso Rueda critica que o PSdeG-PSOE siga poñendo en dúbida os contratos de Pémex, malia que durante o debate electoral Alberto Núñez Feijóo mostrara unha carta formada polos máximos responsables da empresa "decindo que o contrato está vixente e que se vai facer sen ningún problema". Segundo o PP, Pachi Vázquez "segue insistindo que é mentira e esixindo que se rompan as cláusulas de confidencialidade".
"E moi grave que Pachi Vázquez con tal de ter rédito electoral, que creo obtén o contrario, sexa capaz de poñer en risco 300 millóns de euros, 30 meses de carga de traballo e 3.000 empregos, conseguidos con moito esforzo e compromiso do goberno galego", denunciou o candidato popular. "Agardo que teña unha actitude máis responsable".
Foi só un dos momentos do debate electoral polo que desde o PP aseguran que Alberto Núñez Feijóo foi o claro gañador. Segundo o candidato popular, "foi alí a facer balance destes catro anos, explicou con cifras reais no que consistiu o goberno, as dificultades que nos atopamos e tamén o que quere facer de cara adiante".
Do debate desta noite entre os candidatos do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, e do BNG, Francisco Jorquera, Alfonso Rueda espera "que nos expliquen como van gobernar xuntos se puideran e como van vencer as evidentísimas contradicións que hai entre os programas de BNG e PSOE". O dirixente popular asume que si o PP non logra revalidar a maioría absoluta, ambos pactarán non só entre eles, senón co resto de forzas políticas.
"Xa sabemos en que quedou o goberno bipartito e non só queren repetilo, senón que queren meter a un ou dous partidos máis que tamén teñen programas diferentes aos deles", apuntou Rueda, quen recordou que algúns deles "saíron de malas maneiras do BNG porque non podían convivir non partido e agora pensan convivir no goberno".
Para rematar, Alfonso Rueda reclamou de novo que os partidos manteñan unha campaña pacífica "e que ninguén impida a ningún partido expresarse democráticamente", en relación aos incidentes do inicio de campaña en Ferrol ou ás ameazas que aseguran recibir nalgunhas outras localidades. "Ese tipo de actitudes non axudan a mellorar a imaxe dos políticos e retratan moi ben a quen as queren adoptar".