Alfonso Gallego abandona a política e deixa o PP de Vilagarcía en mans dunha xestora

O Salnés
30 de xaneiro 2020

Tras máis de dous anos e medio á fronte do PP de Vilagarcía de Arousa, Alfonso Gallego anunciou que abandona a política en activo. Faino, segundo el mesmo comunicou, por motivos persoais e profesionais

Comité executivo local do PP en Vilagarcía
Comité executivo local do PP en Vilagarcía / Partido Popular de Pontevedra

Tras máis de dous anos e medio á fronte do PP de Vilagarcía de Arousa, Alfonso Gallego anunciou que abandona a política en activo. Faino, segundo el mesmo comunicou, por motivos persoais e profesionais.

"A miña familia e as miñas fillas ocupan un lugar preferente na miña vida e as miñas obrigacións laborais non poden resentirse pola miña vertente política", sinalou Gallego ante os seus compañeiros. "Entendo que cumprín unha etapa na miña vida. É unha decisión meditada e sopesada e espero que conte co respecto e a comprensión de todos", engadiu.

A súa decisión, que foi comunicada nunha reunión do comité executivo celebrada onte á noite coa participación, entre outros, de Alfonso Rueda, supón a súa renuncia ao cargo de presidente local e á acta de concelleiro en Vilagarcía, onde era portavoz do PP. 

Polo momento, o partido quedará en mans dun equipo provisional formado pola candidata ao Congreso Elena Suárez, a concelleira Ana Granja e a deputada autonómica Marta Rodríguez Arias. 

Este novo equipo de traballo será o que pilote a "transición tranquila e ordenada", tal e como definiu o propio Alfonso Rueda esta fase que culminará co nomeamento dunha xestora, órgano que dirixirá o PP vilagarcián durante os próximos meses.

“O PP non se vai a deter nin un minuto. Miramos cara adiante porque temos moito traballo por facer e moitos obxectivos que alcanzar. Acaba unha etapa e arranca outra sen perder nin un ápice da seriedade, o traballo e a estabilidade que sempre caracterizan e definen ao Partido Popular", explicou Rueda aos integrantes do comité executivo local.