O Sindicato Unificado de Policía (SUP) alerta de que durante a xornada este mércores a cidade de Pontevedra quedou sen patrullas de atención ao cidadán dispoñibles durante varias horas.
O motivo desta situacion é, segundo explicaron, a custodia de catro presos do centro penal da Lama que estaban ingresados en habitacións do Hospital Montecelo e no módulo de acceso restrinxido do Hospital Provincial.
No Provincial hai un módulo específico no que os policías poden custodiar a varios presos á vez, pero, en ocasións, por indicación médica, son atendidos en Montecelo e iso complica o servizo.
Esta situación, segundo denuncia o SUP, "non é ocasional" e ten "ampla repercusión" na seguridade cidadá. Aseguran que "compromete" a prevención e a reacción en caso das patrullas do 091 sexan requiridas pola cidadanía .
Desde este sindicato explican que remitiron un escrito ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, solicitando que se adopten medidas.
O sindicato pide que se fagan as "xestións pertinentes" para que todos os presos que precisen asistencia médica e ingreso hospitalario sexan tratados no Provincial e ingresados no módulo especifico.
Tamén demandan que se impulse, "coa maior celeridade posible", a construción do módulo específico no hospital de Montecelo.