Alertan dunha estafa dunha empresa que cobra 39 euros por trámites de balde no padrón de Pontevedra

Pontevedra
30 de decembro 2020

Varios veciños e veciñas de Pontevedra puxeron en coñecemento do Concello esta suposta estafa. A Policía Local abrirá unha investigación para coñecer o alcance deste fraude. O Concello lembra que o Padrón so cobra pola emisión duns poucos documentos oficiais que están regulados por unha taxa municipal  

Entrada ao edificio municipal de Michelena 30
Entrada ao edificio municipal de Michelena 30 / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra alerta á cidadanía dunha posible estafa que se está a dar no municipio, pois unha empresa privada cobra á poboación por trámites que se realizan no servizo do Padrón municipal de balde. 

Varios veciños e veciñas de Pontevedra puxeron en coñecemento do Concello esta suposta estafa. As vítimas son persoas querían facer trámites no Padrón de Pontevedra, puxéronse en contacto cunha empresa e cobroulles 39 euros por unha tramitación que non teñen custo.

Ademais, algunhas das tramitacións ofrecidas e xa cobradas pola empresa nunca se chegaron a facer na oficina do Padrón.

A Policía Local abrirá unha investigación para coñecer o alcance desta suposta estafa.

Trátase de trámites que poden facerse a través da sede electrónica municipal (sede.pontevedra.gal) e persoalmente nas oficinas da planta baixa de Michelena, 30 e o Concello quere deixar claro que estes trámites que se realizan ante o Padrón Municipal son de balde.

O Concello roga aos cidadáns que antes de contratar unha empresa para xestionar altas, baixas ou correccións no Padrón Municipal se poñan en contacto co Concello paraasegurarse de que esta tramitación non ten custo, e que a poden realizar eles mesmos tanto a través da sede electrónica como nas propias dependencias municipais.

O Concello lembra que o Padrón so cobra pola emisión duns poucos documentos oficiais que están regulados por unha taxa municipal.