A Xunta Provincial de Seguridade de Pontevedra celebrada este mércores puxo sobre a mesa un aumento dos episodios violentos protagonizados por xente nova durante o seu tempo de lecer nocturno, en especial na fin de semana, en toda a provincia. Trátase, fundamentalmente, de lesións físicas e agresións sexuais que se producen con motivo das concentracións de menores en lugares como os botellóns.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este mércores a celebración da Xunta Provincial e, ao seu remate, indicou que os responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado lle trasladaran este incremento, así como un incremento do consumo de alcohol por parte dos menores nestas concentracións de persoas.
Maica Larriba explicou que nestes momentos estase a observar "unha alta taxa de consumo de alcol por parte de menores durante o tempo de goce do ocio nocturno" e que se detectou un crecemento das pelexas multitudinarias, os altercados e as lesións físicas, así como das agresións sexuais durante as fins de semana.
Ademais de facerse eco desta situación, Maica Larriba comprometeuse, xunto aos principais mandos policiais da provincia, a desenvolver un traballo policial continuo para evitar que sigan a producirse este tipo de delitos, "tan sensibles e preocupantes".
A comparativa interanual evidencia que no último ano as denuncias de lesións físicas rexistradas na provincia aumentaron nun 25 % e que no mesmo período as agresións sexuais incrementáronse nun 23 %.
A subdelegada insistiu na importancia de "seguir traballando a prol da educación en igualdade" co obxectivo de garantir a integridade física de todas as mulleres e nenas e erradicar calquera tipo de violencia sexual da nosa sociedade.
Ademais, Larriba fixo un chamamento "a todos e todas os educadores, pais e nais da provincia", para que colaboren na concienciación sobre os riscos derivados do consumo excesivo de alcol para a saúde dos menores.
A máxima representante do Goberno na provincia tamén alertou do incremento no número de ciberdelitos, cunha "tendencia alcista" que fai que estes delitos xa sexan un terzo da totalidade dos que se cometen na provincia e que medraran un 317 % con respecto a 2017.
"Fan tambalear as estatísticas globais", confirmou. No que vai de ano, os delitos en Internet, e máis concretamente, as estafas con tarxeta de crédito, incrementáronse nun 44 %. Tan só a Garda Civil observou que estes delitos incrementáronse nun 51 % durante o último ano en todos aqueles lugares nos que este corpo ten presenza.
A análise policial tamén constata que os roubos con violencia e intimidación baixaron no que vai de ano nun 10 % e os roubos con forza en establecementos comerciais descenderon un 43 %. Tamén baixaron un 20% as subtraccións en vehículos e de vehículos mentres medraron os roubos en vivendas.
Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz.