Alertan do "risco de colapso" dunha estrada na Caeira

Poio
04 de outubro 2024

Veciños da Rúa Illa de Ons, na Caeira, aseguran estar preocupados polos desprendementos nun vial de acceso ás súas casas xunto ás obras dunha nova urbanización. Puxeron o caso en coñecemento do Concello e da Policía Local

Rúa Illa de Ons, na Caeira, afectada por desprendementos
Rúa Illa de Ons, na Caeira, afectada por desprendementos

Veciños da Rúa Illa de Ons, na Caeira, aseguran estar preocupados polos desprendementos nun vial de acceso ás súas casas.

Trátase dun vial sen saída, que dá servizo a un grupo de vivendas próximas ás instalacións do Club de Tenis Pontevedra, e que foi valado parcialmente por precaución.

"O risco de colapso da estrada ao pasar algún vehículo supoñería unha caída vertical duns 10 metros de altura, coas posibles fatais consecuencias", alerta Luis Garrido, un dos veciños afectados.

"O colapso da estrada deixaría incomunicadas a unhas 25 vivendas", afirma.

Ademais das choivas dos últimos días os veciños apuntan ás obras de construción dunha nova urbanización como posible causa dos danos.

Puxeron a situación en coñecemento do Concello de Poio e da Policía Local, e tamén, explican, remitiron un escrito a construtora que está a levar a cabo as obras en busca dunha solución que garanta a seguridade na zona.