Alertan do mal estado en que se atopa a mámoa de Chan da Armada

Marín
21 de novembro 2020

O BNG de Marín denuncia que a mámoa situada no lugar do Pereiro está totalmente cuberta de silveiras e arames, ademais os representantes da formación aseguran que non se ve a sinalización que indica a súa presenza

Mámoa de Chan da Armada
Mámoa de Chan da Armada / BNG de Marín

A portavoz municipal do BNG en Marín Lucía Santos solicitou ao goberno da alcaldesa María Ramallo que realice as actuacións previstas para recupera a mámoa de Chan da Armada, que se atopa na parroquia de Santomé ao entender que o seu estado actual é lamentable.

A mámoa, que se pode visitar no lugar do Pereiro, aparece cuberta de silvas e de arames, segundo denuncian desde a formación nacionalista. Ademais, afirman que non se ve a sinalización que indique a presenza deste elemento do patrimonio arqueolóxico. Tamén alertan do mal estado en que se atopa o valo que delimita o perímetro da mámoa.

O BNG de Marín lembra que en febreiro de 2017 trasladouse unha proposta ao Goberno Municipal que foi aprobada en pleno na que se solicitaba a elaboración dun Plan de Protección dos Conxuntos Arqueolóxicos do municipio, coa súa posta en valor con sinalizacións e paneis explicativos e divulgativos. Lucía Santos lamenta que, catro anos máis tarde da aprobación deste plan, os avances neste terreo son escasos cando Marín conta cun rico patrimonio arqueolóxico cun menhir, restos de castros, mámoas e petróglifos.

Sinalan tamén que nos últimos anos, debido a esta situación de abandono, producíronse atentados a este patrimonio arqueolóxico como verteduras de lixo ou danos con maquinaria.

Arquivado en