Alertan do incremento de maiores que aparecen mortos nos seus domicilios

Pontevedra
20 de xaneiro 2021

Amigos de Galicia vai poñer en marcha un programa piloto coa colaboración de entidades veciñais e persoas voluntarias para prestar axuda ás persoas maiores que se atopan en situación de soidade. Estas persoas serán atendidas polas traballadoras sociais e a psicóloga da entidade para axudarlles cos seus problemas, prestarlles atención psicolóxica e converterse en puntos de referencia aos que dirixirse se necesitan axuda

Persoas maiores
Persoas maiores / BM10777 / Pixabay

En Galicia, segundo as estatísticas oficiais, hai máis de 126.000 persoas maiores de 65 anos que viven soas. Moitas delas por decisión propia, pero para outras é unha soidade non desexada, ao non contar con familiares preto.

Esta situación provoca nestes anciáns unha situación de vulnerabilidade e illamento social que se viu agravada pola pandemia da covid-19 que, ademais do cambio de rutinas, provócalles tensións, ansiedade ou depresión.

Durante 2020 foron 35 os maiores galegos que apareceron mortos nas súas casas e, a eles sumáronse seis máis no que vai de mes de xaneiro. Nalgúns casos, levaban falecidos xa varias semanas e ninguén se decatou da súa ausencia.

Ás veces estes episodios de soidade non teñen consecuencias tan tráxicas, pero cada vez son máis habituais os rescates polos bombeiros ou os servizos de emerxencias porque os maiores sufriron caídas ou indisposicións nas súas casas.

A iso súmase que moitas persoas maiores descoidan a súa saúde polo aumento das consultas telefónicas ás que lles é difícilacceder, a solicitude de citas médicas por internet que non poden pedir por non ser capaces de manexarse coas novas tecnoloxías e mesmo a interrupción dos seus tratamentos médicos ou a renuncia para tomar os fármacos prescritos por non ter medios para poder ir a por eles ás farmacias. 

Diante desta situación, desde a Fundación Amigos de Galicia insisten en que a sociedade civil, as entidades e as administracións públicas deben poñer o foco en axudar e atender a este colectivo para que poidan pasar a súa vellez con dignidade.

Consideran "fundamental" a creación dunha rede de apoio veciñal, para que os veciños que detecten casos de persoas en situación de soidade ou vulnerabilidade poidan remitirllo ás entidades ou administracións competentes.

A este respecto, Amigos de Galicia vai poñer en marcha un programa piloto coa colaboración de entidades veciñais e persoas voluntarias para prestar axuda ás persoas maiores que se atopan en situación de soidade. 

Estas persoas serán atendidas polas traballadoras sociais e a psicóloga da entidade para axudarlles cos seus problemas, prestarlles atención psicolóxica e converterse en puntos de referencia aos que dirixirse se necesitan axuda. Para poder chegar a máis xente tamén se conta coa colaboración dos departamentos de servizos sociais municipais. 

Para esta iniciativa, a fundación incorporou ao seu persoal a dúas novas traballadoras sociais, unha educadora social e unha psicóloga e, en breve, esperan asinar un convenio de colaboración co Colexio de  Psicólogos de Galicia e a Universidade de Santiago.