A plataforma de afectados pola A-57 alerta do grave impacto que terá o segundo tramo da nova autovía na contorna escolar do CEIP San Andrés de Xeve.
Na rolda de prensa celebrada este mércores no Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra participaron as portavoces da plataforma, Estela Eirín e María del Carmen Tenorio, xunto á presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Picard e a vicepresidenta do ANPA do colexio de Xeve, Sabrina Portela.
Todas estas portavoces alertaron do "impacto brutal" que causaría esta vía de alta capacidade na seguridade viaria da zona e dos riscos que esta infraestrutura supoñería para o alumnado e toda a comunidade escolar.
Jeanne Picard lembrou que desde hai anos o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia teñen en marcha investimentos millonarios en Santo André de Xeve en obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil nesta parroquia rural centradas na contorna do centro escolar. A obra inclúe a execución dunha glorieta co fin de acougar o tráfico, así como a construción de varias sendas peonís, ademais da reordenación das zonas de aparcamento na contorna do colexio e das paradas de autobús.
"¿Construimos por un lado y destruimos por otro?", preguntou a presidenta de Stop Accidentes.
Jeanne Picard dixo non entender como Pontevedra que "es todo un ejemplo a seguir a nivel internacional" como cidade que implementou unha política de acougado de tráfico "que el Concello permita romper y destruir el territorio" con "una carretera que no va a ninguna parte".
A presidenta de Stop Accidentes avogou por arranxar as estradas convencionais fronte á proposta de construír novas vías, e apoiou a súa tese citando un estudo da Fundación Mapfre e a Asociación Española da Estrada con propostas específicas para reducir a sinistralidade na rede secundaria que incide en, que mediante medidas concretas de conservación e mellora nas estradas convencionais, poderíanse evitar 300 mortes ao ano e máis de 800 feridos graves por sinistros de tráfico. "Ya tenemos carreteras y tenemos muchas, ahora hay que conservarlas en buen estado", concluíu Picard.
Pola súa banda a vicepresidenta do ANPA trasladou a preocupación que existe na comunidade escolar deste centro que está situado en "un entorno privilegiado" que está "rodeado de naturaleza" o que o converte nun colexio especialmente atractivo para familias de todo o municipio. "Todo esto se iría al traste si se crea allí una autovía que estará a menos de 100 metros del cole", advertiu Sabrina Portela. Ademais, o ANPA sinalou as molestias que causarán as obras e no efecto negativo que todos estes problemas causarán nas matriculacións e na educación dos seus fillos.
Finalmente, desde a Plataforma de afectados instaron a todos os grupos políticos a que realicen "un seguimento eficaz" ante o Ministerio de Transportes dos acordos adoptados por unanimidade tanto no Concello e na Deputación de Pontevedra. Ademais, piden ao Parlamento galego que secunde estes acordos e que o delegado do Goberno en Galicia apoie e defenda en Madrid os intereses veciñais.