O vindeiro sábado 18 ás 11.30 horas, Santiago de Compostela acollerá unha manifestación organizada por Unións Agrarias na que se quere denunciar a política da Xunta de Galicia en relación ao abandono do rural e da actividade agrogandeira, causa fundamental, segundo expoñía esta mañá Roberto García, secretario xeral deste sindicato, da vaga de incendios.
Acompañado de Román Santalla, secretario de gandería de UPA e de Manuel Ángel Dopazo, secretario xeral de U.A. nas Rías Baixas, Roberto García relatou que os incendios forestais son imposibles de xestionar se os terreos se atopan abandonados. E neste sentido sinalou que o 50% dos incendios deste ano producíronse na provincia de Ourense onde se rexistrou un abandono masivo da actividade gandeira.
Desde Unións Agrarias consideran que é necesario recuperar a habitabilidade do rural galego, que sufriu unha fenda respecto da actividade urbana con motivo da crise económica dos últimos anos e a consecuencia foi o peche de colexios ou a redución de médicos, provocando que non acuda xente nova a vivir en espazos rurais. Roberto García afirma que o 50% dos titulares de explotacións agrogandeiras teñen máis de 55 anos e existe o risco de que nos próximos anos as súas propiedades pasen a ser terras abandonadas.
Desde o sindicato denúnciase a "farsa" que desde o goberno de Núñez Feijóo está a realizarse ao anunciar axudas económicas para traballos ambientais de 178 millóns ao sector que despois quedan reducidas a unha cantidade de tan só 45 millóns e con grandes dificultades para que se poidan obter. O mesmo, aseguran, sucede coas axudas aos propietarios que perderon os seus terreos por culpa dos incendios. Indican, ademais, que a lei é inxusta cos propietarios ao impedirlles utilizar os seus terreos nos seguintes dous anos despois de que fosen pasto das lapas. Desta forma, afirma García, están a penalizalos sendo vítimas.
A SECA MÁIS GRAVE DA HISTORIA EN GALICIA
Román Santalla alertou da gravidade da seca que está a atravesar Galicia indicando que nunca se detectou un período de tan escasa choiva como o deste ano nos dous séculos anteriores nin no actual. E denunciou que mentres no resto de Comunidades Autónomas existen créditos a interese cero e axudas para facer fronte á seca, en Galicia non existe esa opción.
Actualmente na provincia de Pontevedra existen preto de 5.000 explotacións agrarias con animais, das que 2.000 dedícanse profesionalmente á actividade agrogandeira. Santalla teme que esta seca provoque o peche de numerosas granxas porque a forraxe multiplicou os seus prezos e as perdas están a ser moi elevadas entre os empresarios do sector.
Manuel Ángel Dopazo afirmou que nos últimos cinco anos na Denominación de Orixe Rías Baixas, 900 viticultores de máis de 5.000 censados déronse de baixa ante a escasa rendibilidade do negocio e alertou de que nos incendios deste ano puideron comprobar como os viñedos actuaran como devasas nos incendios deste verán. Por este motivo indican que desde a administración autonómica é necesario fomentar a actividade agraria e gandeira para incrementar a presenza de habitantes no rural e evitar os incendios forestais.