Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social do Concello de Pontevedra, membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, informaba este mércores das indicacións fundamentais para canalizar de maneira organizada a solidariedade da poboación pontevedresa coas vítimas da guerra en Ucraína.
Atendendo ás pautas marcadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) fai as seguintes peticións:
- Chamamento á calma. Marcos Rey advirte da necesidade de realizar de maneira organizada e coordinada as accións solidarias para non entorpecer as xestións para realizar a axuda tendo en conta que a situación de crise humanitaria prevese que se alongue no tempo. Por tanto, desde a Fegamp recomendan non precipitarse na toma de decisións.
- A prioridade máxima é coñecer os recursos habitacionais cos que se contan a través dos concellos e as deputacións. Para poñer a disposición algún recursos é necesario contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello, neste caso o de Pontevedra ten como número de teléfono o 986.804.300 ext 7452 ou o correo redeaxuda@pontevedra.eu. O concelleiro alerta de que se precisan pisos completamente baleiros, non vivendas compartidas.
- Solicítase á cidadanía que non faga acumulación de alimentos, mantas ou outros materiais de primeira necesidade. As ONG, que xestionan a repartición no terreo, atópanse colapsadas.
Unha das opcións máis eficientes é a achega económica ás ONGD. Ao tratarse de países europeos hai garantías de que poden conseguir os materiais que precisan, evitando gastos innecesarios de transporte.
- Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional de Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/
donate/crisis-en-ucrania - Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios de Nacións Unidas. Contribución a través do Fondo Humanitario para Ucraína: https://www.unocha.org/
ukraine/about-uhf - ACNUR (Axencia de Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas): https://eacnur.org/es/crisis-
ucrania?UTM_source=abtasty& utm_medium=bubble
Para máis información atópase a Coordinadora Española de ONGD: https://coordinadoraongd.org/
- Necesítanse persoas voluntarias tradutoras, tanto con coñecementos de ucraíno como de inglés. Poden poñerse en contacto con Servizos Sociais do Concello de Pontevedra.
- As persoas interesadas en acoller menores non acompañados poden inscribirse no Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, que xestiona a Cruz Vermella. Máis información en https://acollementofamiliar.
gal/ ou no teléfono 900812880. - Desde as delegacións do Goberno convocaranse reunións de coordinación territorial para a chegada e recepción de persoas desprazadas.
- Todas as persoas que teñan acollidas a poboación ucraína deben notificalo na Policía nacional para solicitar a Protección Temporal. Tamén poden solicitar a entrada no Sistema de Acollida de Solicitantes de Protección a través de Acceam Vigo no teléfono 886.906.798.
- En https://www.inclusion.gob.es/
es/ucrania/index.htm ou no correo apoyo.ucrania@inclusion.gob.es, os particulares poden informar de calquera previsión de chegada de cidadanía desprazada de Ucraína. Deberán informar sobre o número de persoas; data e hora de chegada; e punto exacto da chegada. Sempre que sexa posible deberase ofrecer información sobre se se trata de unidades familiares, se hai menores ou se hai persoas con circunstancias especiais para atención específica. - Habilitouse o número de teléfono gratuíto +34 91 047 4444 con información sobre acollida de cidadanía ucraína ou para cita de atención nos centros de recepción.
- A solicitude de información e consulta en relación ao acceso á asistencia sanitaria das persoas afectadas polo conflito realizarase nesta ligazón: ucraniaasistenciasanitaria@
ingesa.sanidad.gob.es.
Existen tamén unha serie de requisitos sanitarios previos que deben cumprir os cans, gatos e hurones antes de entrar en territorio europeo.
Calquera persoa que teña coñecemento da chegada dalgunha persoa refuxiada acompañada de mascotas debe contactar de inmediato cos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural da Xunta. No caso de Pontevedra deben poñerse en contacto co Servizo de Gandaría co teléfono 886.206.569 e correo:ganderia.pontevedra@xunta.gal
CONSTITUCIÓN DO COTEGA
O delegado do Goberno presidó na Coruña a constitución do COTEGA, o comité técnico encargado da xestión en Galicia do programa de acollida. José Miñones lembrou a necesidade de canalizar polas vías oficiais todas as accións solidarias coas persoas refuxiadas.
Desde o 10 de marzo, a Oficina de Asilo do Ministerio do Interior concedeu a protección a 365 persoas desprazadas en Galicia. O delegado anuncia tamén que o Goberno central aprobará un fondo extraordinario para reembolsar a autonomías e municipios os gastos derivados da axuda humanitaria.
Lembra que para as tramitacións dos permisos de traballo e residencia ás persoas refuxiadas é necesario presentar as solicitudes nas comisarías de Policía das capitais de provincia galegas e tamén na de Vigo.