Alertan da imposibilidade de acceso dos vehículos de emerxencias pola instalación de bolardos na rúa Peregrina

Pontevedra
16 de abril 2024

A Confederación Española de Policía (CEP) denuncia que as decisións urbanísticas do Concello de Pontevedra poñen en serio perigo aos cidadáns

Bolardos fixos na rúa Peregrina
Bolardos fixos na rúa Peregrina

"Alarmante", así cualifica a Confederación Española de Policía (CEP) as últimas decisións adoptadas polo Concello de Pontevedra, que "segue coa súa política de obstaculización da vía pública, como veñen facendo os últimos anos, coa instalación de bolardos en diferentes rúas da urbe que impiden o acceso aos vehículos de emerxencias" como coches policiais, bombeiros ou ambulancias.

A CEP cualifican esta medida do Concello como "imprudente e temeraria" e suxiren ao goberno local que aprenda doutras cidades da provincia como Vigo ou Sanxenxo, que dispoñen nas súas instalacións de peche que un deses bolardos sexa mecánico con lector de matrículas, estando todas as placas de matrículas dos vehículos de emerxencias na base de datos municipal, polo que non se impide o fundamental traballo dos servizos públicos.

O secretario provincial de CEP en Pontevedra, Carlos Rodríguez Losada, lanza novamente a pregunta, "quen do Concello responsabilizarase se ocorre unha desgraza e por culpa de non chegar a tempo a un servizo de emerxencias falece unha persoa?", e lembra que do mesmo xeito que médicos, policías ou bombeiros poden ser condenados por unha neglixencia, "o poñer trabas a un servizo de emerxencias ou obstaculizalo pode ser considerado un ilícito penal".

"Atopámonos ante un absurdo, e por iso reclamamos ao Concello que recapacite e pense na seguridade dos pontevedreses", remarca Carlos Rodríguez, quen ademais engade que desde o consistorio deberían promoverse outro tipo de iniciativas, como a creación dun servizo de recollida de animais na vía pública, ou a cesión de terreos para a creación dunha nova comisaría da Policía Nacional na cidade adaptada ao século XXI e que dea un servizo de calidade á cidadanía.