Alertan de que a criminalidade crece "sen atopar teito" e relaciónano coa falta de policías

Pontevedra
21 de decembro 2024

CEP denuncia que en Pontevedra os roubos con violencia e intimidación creceron un 153,8%; os delitos contra a liberdade sexual, un 30; e a cibercriminalidade medra "a pasos axigantados"

Patrulla da Policía Nacional na rúa Michelena
Patrulla da Policía Nacional na rúa Michelena / Mónica Patxot

A Confederación Española de Policía (CEP) faise eco das estatísticas de criminalidade do Ministerio do Interior para concluír que "non para de crecer sen atopar teito" tanto en Pontevedra como en Marín.

Este sindicato policial relaciona directamente estas estatísticas, difundidas pola Secretaría de Estado de Seguridade,coa "falta de policías nacionais, medios e unha lexislación eficaz".

O balance de criminalidade correspondente ao terceiro trimestre de 2024 e, para CEP, a "única lectura" posible da evolución no nove primeiros meses do ano é a "inacción" por parte do Goberno ante algo que os sindicatos policiais levan anos denunciando, "a delincuencia violenta está a apropiarse das rúas ante a falta de policías e leis eficaces".

En comparación con 2023, na cidade de Pontevedra os delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria creceron case un 80 por cento e os delitos contra a liberdade sexual, un 30.

Os roubos con violencia e intimidación creceron un 153,8%; os roubos con forza en domicilios e establecemento, máis dun 30%; e a subtracción de vehículos, máis dun 200%.

Tamén a cibercriminalidade segue crecendo "a pasos axigantados" e CEP lamenta que isto pase "sen que haxa unha lexislación e penas que lle poña freo".

Este sindicato policial remarca a "necesidade imperiosa" de dotar ás Comisarías de Pontevedra e Marín con 150 policías e 25 administrativos máis, así como unha Unidade de Prevención e Reacción propia que de servizo ao norte da provincia, e unha mellora substancial de medios tecnolóxicos para poder loitar de igual a igual contra a delincuencia.

CRÍTICAS DO PP

Tamén o PP de Pontevedra, a través do seu número dous, Pepa Pardo, lamentou as cifras publicadas polo Ministerio do Interior.

No seu caso, asocian esta situación coa política do goberno local do BNG e esixen ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "que deixe de permanecer pasivo ante unha realidade que preocupa á sociedade pontevedresa".

Así, demanda a Lores que "adopte medidas urxentes" como o aumento do número de patrullas a pé da Policía Local polas rúas da cidade.

Pepa Pardo lembra que desde inicios de 2023, o seu partido presentou dúas mocións para buscar solucións ao problema de furtos e trapicheo na contorna da Praza de Galicia, A Ferrería e o resto do centro da cidade.

Insiste en que "Pontevedra é unha cidade insegura e a criminalidade aumenta nela, a consecuencia da pasividade dos seus dirixentes".