Alertan da chegada de camións ao polígono eólico Acibal, paralizado pola Xustiza

Umia
18 de marzo 2025
Actualizado: 9:43

Grazas á presión da veciñanza e á presenza da Policía Local de Moraña, conseguiuse que non se producira o acceso dos camións ao polígono eólico

Un dos camións que se dirixía ao monte Acibal
Un dos camións que se dirixía ao monte Acibal / Lucas Andion

A irrupción de varios camións de gran tonelaxe, con matrículas de Polonia e Portugal e o logo da empresa Vestas, sorprendeu este luns á veciñanza de Amil que inmediatamente alertou da súa presenza.

Segundo informaron, estes vehículos dirixíanse ás obras do parque eólico do Monte Acibal. 

Este proxecto, promovido por Norvento, atópase paralizado por orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desde maio de 2024, tras o achado de restos arqueolóxicos na zona.

A comunidade veciñal, que xa denunciou en repetidas ocasións neste último ano a entrada de maquinaria pesada a pesar da orde de paralización, reaccionou de inmediato. 

Grazas á súa presión e á presenza da Policía Local de Moraña, conseguiuse que non se producira o acceso dos camións ao polígono eólico.

Posteriormente, os vehículos foron vistos abandonando a zona pola pista que descende do Monte Acibal cara a Barro, unha vía na que está prohibido o tránsito de vehículos de gran tonelaxe.

Este incidente incrementa as preocupacións dos veciños, que temen que estas entradas de maquinaria pesada se estean producindo "de forma impune e clandestina, incumprindo a orde de paralización ditada polo TSXG".

Os residentes esixen unha maior vixilancia por parte das autoridades para garantir o cumprimento efectivo da resolución xudicial e evitar novas irregularidades no Monte Acibal. 

A situación actual reflicte unha problemática máis ampla en Galicia, onde máis de 60 proxectos de parques eólicos están paralizados debido a decisións xudiciais e protestas sociais relacionadas co impacto ambiental e patrimonial.