Alertan do aumento das estafas con criptomonedas: 117 persoas foron enganadas na provincia en 2024

Pontevedra
26 de marzo 2025

Segundo os datos das comisarías da Policía Nacional e da Comandancia da Garda Civil da provincia, as ciberestafas con esta modalidade alcanzaron os 3.235.679 euros ao longo do ano pasado

Abel Losada
Abel Losada / Mónica Patxot

Un total de 117 persoas foron enganadas polos delincuentes e perderon os seus cartos a través de investimentos en criptomoedas en Pontevedra o ano pasado. 

A cifra deuna a coñecer este mércores o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que advirte dos perigos dos investimentos en criptomoedas e dá a voz de alerta sobre estas cifras.

Así, segundo os datos das comisarías da Policía Nacional e da Comandancia da Garda Civil da provincia, as ciberestafas con esta modalidade alcanzaron os 3.235.679 euros ao longo do ano pasado.

A estafa de menor importe foi de 248 euros e produciuse na cidade de Pontevedra e a máis elevada alcanzou os 356.000 euros e foi recollida pola Garda Civil.

Hai cinco denuncias na provincia por importe superior aos 100.000 euros e o subdelegado lamenta que hai denunciantes que informan de que teñen perdidos todos os seus aforros.

A Garda Civil recolleu un total de 59 denuncias e rexistrou a perda dun total de 1.647.186 euros na provincia.

Na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra rexistráronse 30 denuncias e un volume de 573.452 euros estafados. Na Comisaría de Vigo-Redondela, un total de 853.941 euros e 20 denuncias. Na Comisaría de Vilagarcía presentáronse 7 denuncias por un importe de 148.000 euros. Na Comisaría de Marín rexistrouse unha denuncia por valor de 13.100 euros.

Os datos provisionais do que vai de ano demostran que o impacto desta delincuencia especializada non deixa de medrar, polo que o subdelegado considera necesario alertar á poboación dos riscos de confiar en asesores, axencias ou falsos 'brokers' online sen o debido asesoramento e sen ningunha garantía.

"Están chegando moitas denuncias de persoas que, unha vez que perden os seus cartos, vén como se lles reclaman pagos adicionais para recuperar o seu investimento e volven ser estafadas", sinala Abel Losada.

O subdelegado considera que é un fenómeno "extremadamente preocupante" e sinala que non hai un perfil de vítima. Afecta a persoas do rural e do urbano, a xente con capacidades económicas moi distintas e a persoas de tódolos niveis de formación académica ou profesional.

Losada sinala que os responsables policiais din que estamos diante do 'timo da estampita' do século XXI porque se ofrecen altísimas rendibilidades de xeito case inmediato nun "negocio seguro" e, "por incrible que pareza, segue funcionando".