O equipo de goberno de Ponte Caldelas alertou do deterioro que vén de detectarse na rocha da Laxe das Cruces número 5, é dicir, a peza que contén un petróglifo cun gran cervo que é un dos elementos máis chamativos do conxunto. Os técnicos municipais alertaron de que as augas das escorrentías están lavando a base da rocha e producindo un desgaste excesivo, que mesmo compromete a conservación dun petróglifo singular en Galicia.
Segundo os técnicos, o deterioro é produto dun posible defecto durante as obras de restauración e creación da área arqueolóxica, acometidas no ano 2007. A incorrecta drenaxe provoca que as augas que baixan pola ladeira erosionen esta sensible peza dun conxunto patrimonial que está declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
Por este motivo o goberno local reclama que a Xunta de Galicia realice na Área Arqueolóxica de Tourón uns investimentos semellantes aos anunciados hai poucas semanas pola Consellería de Cultura para o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
O alcalde, Andrés Díaz, afirmou que o actual equipo de goberno atopouse coa Área Arqueolóxica de Tourón "en pésimas condicións e resulta triste ter que estar pedindo colaboración da Xunta para algo que debería ser de oficio", dixo.
Ademais nunha moción que se levará ao Pleno de Ponte Caldelas, ínstase á Consellería a acometer un estudo específico, en estreita colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, das necesidades dos xacementos situados nos concellos pertencentes á mancomunidade Terras de Pontevedra e repartidos polos concellos da capital provincial, Vilaboa, Marín, Poio, Vilaboa e, por suposto, tamén Ponte Caldelas e Campo Lameiro.