Alerta polo adianto da chegada das velutinas, como debemos actuar?

Pontevedra
10 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A finais do mes de febreiro xa se detectaron os primeiros exemplares do ano. Falamos co apicultor de Barro, Esteban Jamardo, quen aclara para os lectores de PontevedraViva que debe facer a poboación ante o adianto da chegada das temidas avespas velutinas

Niño de ‘vespa velutina’ ou avespa asiática
Niño de ‘vespa velutina’ ou avespa asiática / Claude Alleva en Pixabay

Nos últimos anos, as alteracións no clima están a provocar un cambio no comportamento de diversas especies, como a avespa velutina. As raíñas saen cada vez antes do período de hibernación, de xeito que a finais do mes de febreiro xa se detectaron os primeiros exemplares do ano. 

O balance da Xunta de Galicia indica que en 2023 a empresa pública Seaga retirou ou neutralizou un total de 29.500 niños de velutina en Galicia, dos que 8.800 corresponderon á provincia de Pontevedra, a máis afectada tras A Coruña, con 12.294 niños retirados.

Esteban Jamardo é apicultor en Barro, un dos concellos máis comprometidos na loita contra as velutinas. "No 2017 foi cando tomamos conciencia de que había que facerlle frente porque isto ía para largo", comenta. Nese momento, na zona xerouse un grupo de apicultores e veciños comprometidos coa retirada dos niños e a divulgación. A pasada fin de semana ofreceron unha charla sobre a prevención de ataques de avespa velutina. Jamardo atende ás preguntas de PontevedraViva para aclarar que debe facer a poboación ante o adianto da chegada das velutinas.

- En que momento estamos da temporada de velutinas?

Agora o que están facendo é salir da época de hibernada. Non che podo dar datos concretos de meses de hibernación porque non están seguindo un orden lóxico. Hai quince días tiveramos unha primavera adiantada e que agora, polo visto, nos entren quince días de borrascas, despista ás abellas, despístanos a nós, despista ás árbores e despista tamén ás velutinas, claro.

Desde finais do ano pasado ata este tempo estuveron hibernadas. Agora están saíndo as raíñas soamente. E é o momento de trampear porque están só hai raíñas buscando comida.

- A mediados de febreiro xa se empezaran a ver velutinas. Que saian antes da hibernación, que implicacións pode ter?

Adiántase un pouco máis o ciclo pero despois, a maiores, este faise máis longo. É dicir, empezan antes a saír e despois, como vén un outono máis suave, se alarga o ciclo ata incluso novembro ou decembro, cando en setembro xa tiñan que empezar a decaer.

- Dende cando empezastes a detectar estes cambios?

É difícil de concretar, porque ao mellor cadrou que algún ano foi normal, pero están vindo outros anos totalmente alterados. Por exemplo, no 2019 cumpriuse unha primavera e un outono marcados, pero estes últimos anos, en xeral, non están sendo "normais" en canto ás estacións. 

- Agora sería o momento do trampeo, e para ensinar aos lectores de PontevedraViva como facer unha trampa caseira ofrécesnos as "Instrucións para o trampeo" que incluimos no lateral da páxina. Neste sentido, querías dar unha pauta importante sobre os ingredientes do líquido atraínte.  

Temos líquidos e trampas comerciais en calquera tenda agrícola. Pero se queremos facer a trampa caseira, aínda que podemos poñer na botella zume de arándanos ou auga, para estes primeiros días, o que máis se recomenda, é o zume de arándanos. Con auga, mellor para a época en que hai máis obreiras. O resto mantense, tanto os gramos de levadura como o azucre. 

- Estas trampas son para eliminar as raíñas e que non poidan formar o niño, en que momento se atopan os niños? 

Neste tempo só está traballando a raíña, entón ela o que procura é, con pouco gasto de enerxía, facer "a casa". Fálase de tres tipos de niño: un niño embrión, un niño primario e despois o secundario. 

O niño embrión é moi pequeniño, do tamaño dun ovo, é o que poderían estar empezando a facer agora as raíñas. De momento, aínda non sei de ningún, pero poderían aparecer, normalmente nun talud ou nun muro, onde haxa unha pedra que faga un pouco de tellado, para que elas se poidan meter debaixo protexidas.  

A continuación, falaríamos dun niño primario, que xa tería ás súas obreiras e podería chegar ao tamaño dun balón, normalmente nos meses de abril, maio ou incluso xuño. O niño primario fanno en matogueiras e no chan, como norma xeral, porque tamén hai niños secundarios que se poden atopar neses sitios.

E despois, o niño secundario, que é o que vemos na maiorías das árbores en agosto, setembro e ata o final da temporada, que acaba morrendo a colonia e, ao non ter temperatura dentro, degrádase coa choiva e cae. 

 - Facendo o trampeo, con cada raíña capturada cantas velutinas estamos evitando?

Ao capturar a raíña estamos evitando que se forme un niño secundario dunhas 2.000 avespas

Ao capturar á raíña estamos evitando que se forme un niño secundario, e estes niños poden chegar a ter unhas 2.000 avespas.

- Para vós os apicultores, cal é o reto na loita contra as velutinas?

Como apicultores, todo o mundo está concienciado porque é o que lle toca. Agora é a época do trampeo. Centrarnos en capturar cada raíña o que nos aporta é que eliminamos a posibilidade de que se forme un niño, e polo tanto eliminamos colonias de cara ao verán.

- A velutina é unha especie invasora, cal é o comportamento con respecto ás abellas autóctonas?

As velutinas cazan ás abellas, sobre todo na entrada das colmeas. Cando entran ou cando saen, a velutina está agardando por elas. Cóllea, e unha vez que a ten enganchada, vaise voando a calquera árbore, apóiase e o que fai cunha especie de mandíbulas en forma de tixeira que ten é ir cortándolle: sácalle a cabeza, as ás e o abdome, e o que leva é a parte do torso da abella, onde ten a musculatura que move as ás, que é a que lle aporta máis proteína. 

- Cal sería a merma nas colmeas?

O que lle fan as velutinas ás colmeas é que, no verán, como non deixan saír ás abellas, entón o que fan as abellas é comer o mel almacenado que teñen dentro da colmea, e iso o que produce é que, como comen as súas reservas, chegan ao inverno xa mermadas e acaban morrendo por fame.

- Para evitar estas situacións, os apicultores estades usando unha especie de mallas de protección: as arpas eléctricas. Podes explicar en que consisten?

A arpa que usamos chámase así porque é tal cual a forma dunha arpa. Ten unha serie de fíos de arame electrificados. Cando a velutina pasa por entre eses fíos, a punta das ás tocan, e a velutina, ou manca as ás e non pode voar, ou queda enganchada nos arames electrocutada.

- As arpas eléctricas para protexer as vosas colmeas, funcionan nestes casos que comentabas de acoso das velutinas?

Cando as arpas están funcionando, practicamente non tes velutinas atacando as colmeas. Redúcese moito a presenza de velutinas, as colmeas non se sinten atacadas e o que fan as abellas é traballar. Pero cando fallan por calquera motivo, ou se vai a luz, volven as velutinas a estar alí como se non estuveran as arpas postas.

- Unha mensaxe que se transmitiu na conferencia é que o veleno das velutinas ten a mesma intensidade que o de calquera avespa autóctona. Neste sentido, non son máis perigosas, pero si en canto á resposta agresiva que dan fronte os nosos comportamentos. En que situacións?

As velutinas atacan só cando se senten atacadas, e fano nas zonas do corpo que emiten máis calor, como a cabeza

Atacan só cando se sinten atacadas, entón van buscar quen as está atacando. Elas guíanse polo calor ou polo ruído. Se elas detectan un individuo que está braceando, e cos movementos xera máis calor, e aparte, ten a cabeza descuberta, que é onde van detectar elas máis temperatura, é aí onde nos van atacar. Tamén o outro día o médico na charla dixo que se te pos a gritar, pode ser que che piquen na lingua, e iso ocasionaría moito máis dano, porque a inflamación da picadura sería no interior da boca, máis preto do aparato respiratorio.

- Unha das situación en que se ven atacadas as velutinas é cando, por despiste, pisamos un niño ou nas tarefas de limpeza no campo rozamos por riba do mesmo. Como debemos actuar nestes casos?

Primeiro escapar, na medida do posible, e chamar a Emerxencias. Sempre hai que levar o móbil con nós e facer as tarefas no campo sempre acompañados. De feito, hai moi poucas mortes en profesionais que estean traballando no ámbito forestal. Eu imaxino que pode ser porque traballan acompañados e dá tempo a avisar ao 112, poder darlle as indicacións de onde está a persoa se perde o coñecemento ou poder trasladala.