Alerta pola tramitación de novos proxectos de parques eólicos

Vilaboa
15 de maio 2024

O anuncio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico de novos proxectos de parques eólicos ven de facer saltar as alarmas entre a veciñanza dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada. Tamén a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo advertiu da tramitación previa dun novo proxecto de parque eólico co nome de As de guía, en territorio pertencente aos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa

Parque eólico
Parque eólico / Diego Torrado

O anuncio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico de novos proxectos de parques eólicos ven de facer saltar as alarmas entre a veciñanza dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.

Concretamente son os proxectos eólicos Xubrintas (61,95 MW) e Alamoceiros (68,49 MW), os cales se compoñen por 15 e 18 aeroxeradores respectivamente, ademais de varias subestacións e quilómetros de viais así como liñas de alta tensión. 

O parque eólico Xubrintas afecta especialmente ás parroquias de Sabucedo, Codeseda e Souto no concello da Estrada e á parroquia de Quireza en Cerdedo-Cotobade, mentres que Alamoceiros se estende pola meirande parte do concello de Campo Lameiro e por boa parte do concello de Cerdedo-Cotobade. 

Nesta documentación tamén se fai referencia á próxima tramitación do parque eólico Chamarrapio, que se sitúa no mesmo contexto territorial. Este macrocomplexo eólico está promovido polo grupo empresarial Atitlán Helios a través das subempresas Dakotaraptor Invest, S.L., Fukuiraptor Invest, S.L. e Galveosauros Invest, S.L., e en colaboración con Driza-Incosa.

Tanto Xubrintas como Alamoceiros comezaron a fase de determinación de afección ambiental na cal se determinará se deben ou non deben someterse a evaluación ambiental.

Tras a análise da documentación exposta e a magnitude deste macrocomplexo eólico, do que aínda só se coñece unha parte, diversos colectivos destacan o "grande impacto sobre o medioambiente, o patrimonio cultural e sobre a saúde e calidade de vida da veciñanza dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada".

Á vista desta “preocupante situación”, a Asociación Veciñal Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación Eido do Cervo, a Asociación Cultural e Informativa da Biodiversidade das Aldeas A.C.I.B.A.L. e o Colectivo do Vento, solicitou unha reunión urxente cos alcaldes dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.

MORRAZO

Tamén a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo advertiu da tramitación previa dun novo proxecto de parque eólico dentro da península do Morrazo co nome de As de guía.

Este parque tería 15 aeroxeradores, dúas torres de medición e dúas subestacións eléctricas estaría integrado dentro da área de desenvolvemento eólica (ADE) do Morrazo e as súas localizacións corresponderianse con moitas das propostas do desestimado parque eólico de Pedras Negras, entre a Serra Basil, a Serra Domego e o Monte Formigoso, xunto con outras máis ao oeste cara ao Faro de Domaio e ao leste cara ao Coto Redondo e Outeiro dos Asubións, en territorio pertencente aos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita este novo proxecto de parque eólico e chama á mobilización da cidadanía para paralizalo.

Arquivado en