O centro penitenciario da Lama afronta o seu primeiro caso de COVID-19. Trátase dun interno de avanzada idade que deu positivo nas últimas horas.
O paciente, residente na enfermería do centro, ía ser destinado a un centro externo e, ante a situación da pandemia, os responsables da residencia pediron que antes do seu traslado se lle fixese unha PCR.
A proba deu positivo e realizaráselle un segundo test para confirmar o diagnóstico.
O interno atópase asintomático e está illado do resto dos seus compañeiros. Tamén están en corentena as dúas persoas que compartían módulo con el.
Tras coñecer este resultado, desde a dirección do cárcere remitiuse un comunicado a todo o persoal para que todos os funcionarios de vixilancia interior, membros dos equipos técnicos e persoal sanitario que tivesen contacto con el comuníqueno urxentemente.
Fontes consultadas por PontevedraViva aseguran que tamén se traballa en pescudar como este interno se puido contaxiar da COVID-19.
Afirman que se trata dun interno que non ten comunicación algunha con exterior, nin cara a cara nin permisos para saír do cárcere, e que apenas ten vida social dentro do módulo.
Descubrir como se puido contraer o virus é unha das prioridades da dirección do centro para evitar que outros internos ou os propios funcionarios poidan contaxiarse.