Un incendio forestal en Ponte Caldelas levou á Xunta a activar, ás 21:40 horas, o Nivel 1 de alerta. Foi apenas hora e media despois de que se iniciase un lume que está afectando á parroquia Castro Barbudo, aproximándose con perigo ao núcleo de Barbudo.
Segundo informaba a Consellería de Medio Rural e do Mar, ás 23:50 deste mércores, a superficie queimada nunha estimación provisional era de ao redor de 50 hectáreas. Pero co paso das horas, segue crecendo e arrasou xa máis de 80 hectáreas.
Nas tarefas de extinción do incendio están traballando, segundo informa o departamento autonómico, 5 axentes, 16 brigadas, 8 motobombas e 4 palas. Ata que as condicións de luz o permitiron, tamén colaboraron nas tarefas de extinción tres avións e un helicóptero.
Ata o lugar do incendio desprazáronse a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para seguir a evolución do dispositivo que loita contra este lume.
De novo repítese a pauta do incendio rexistrado en Ponte Caldelas o pasado domingo día 1 de agosto. Naquela ocasión as lapas iniciáronse ás 21.18 horas preto dunha zona habitada na parroquia de Insúa. O lume arrasou entón ao redor de 30 hectáreas.