O litoral pontevedrés prepárase para afrontar un forte temporal costeiro que chegará esta madrugada con ondas de ata 7 metros e ventos do sureste de forza 9.
A Xunta de Galicia vén de activar a alerta laranxa ante a gravidade do fenómeno meteorolóxico que afectará especialmente ás Rías Baixas e á zona do Miño. Tamén afectará no oeste e suroeste da provincia da Coruña.
Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a combinación de mar do sur ou suroeste con vento de forte intensidade e rachas moi fortes creará condicións de alto risco en toda a costa pontevedresa ata as 15:00 horas de mañá, xoves 20.
As autoridades xa puxeron en marcha o protocolo de emerxencias, informando a todos os concellos do litoral pontevedrés, Deputación, servizos de Protección Civil e clubs náuticos para que adopten as medidas preventivas necesarias.
Como consecuencia directa desta situación, a Secretaría Xeral para o Deporte decidiu suspender toda actividade deportiva federadano mar na provincia desde as 5:00 da madrugada ata as 15:00 horas, afectando a competicións e adestramentos previstos para a xornada.
Protección Civil recomenda á cidadanía extremar as precaucións, manterse afastada da liña de costa, evitando diques, rompentes e paseos marítimos durante as horas de maior intensidade do temporal.
Os propietarios de embarcacións deben revisar amarres e cabos ante a previsión de fortes ventos.
Os servizos de emerxencia permanecerán en alerta durante a xornada, especialmente nas áreas máis expostas do litoral pontevedrés, onde se agardan os maiores impactos.
Para máis información sobre a evolución do temporal, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal).