"Aleluia", di Mosquera tras a decisión de Augas de Galicia de solventar as inundacións en Fernando Olmedo

Pontevedra
10 de decembro 2024
Actualizado: 21:06

O concelleiro de Obras, César Mosquera, anunciou que o Concello e Augas de Galicia traballarán conxuntamente para paliar estos asolagamentos. Estudan a creación dunha zona de laminación controlada en Valdecorvos para regular a auga

César Mosquera, concelleiro de Obras
César Mosquera, concelleiro de Obras / Mónica Patxot

O concelleiro de Obras, César Mosquera, destacou este martes, tras a comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos onde o grupo do PSOE presentou unha moción sobre este tema, a disposición de Augas de Galicia para intervir na zona de Valdecorvos, unha decisión que cualificou como "un paso necesario e moi positivo".

"Aleluia", dixo Mosquera ao referirse á decisión do organismo autonómico Augas de Galicia de intervir para evitar os asolagamentos que afectan a rúa Fernando Olmedo: "A lexislación vixente complica moito as actuacións nos ríos, pero agora parece que, finalmente, poderemos colaborar para buscar a mellor solución".

Mosquera explicou que, tras estudar diversas opcións, a máis viable parece ser a creación dunha zona de laminación controlada no parque de Valdecorvos.

Esta solución permitiría reter auga durante as coincidencias coa preamar, liberándoa posteriormente de forma controlada grazas a unha comporta tecnoloxicamente avanzada.

Segundo estimacións iniciais, este sistema podería almacenar máis de 7.000 metros cúbicos de auga.

"O que non serve en Galicia é unha simple balsa de retención como as que funcionan en Murcia ou Valencia, onde chove pouco", explicou o edil. "Aquí, con chuvias frecuentes, esa balsa estaría sempre chea e, en caso dunha tromba, non tería capacidade de resposta", manifestou.

O proxecto tamén contempla actuacións complementarias, como a creación dun espazo de contención de auga na zona verde entre o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e o Camiño Vello de Castela, para canalizar a auga superficial de Fernando Olmedo cara a unha área máis baixa.

Esta solución provisional reduciría significativamente o volume de auga acumulado na zona urbana durante episodios de choiva intensa, explicaba o edil.

Inundación na rúa Fernando Olmedo
Inundación na rúa Fernando OlmedoJacinto Domínguez

Mosquera subliñou a importancia de coordinarse con Augas de Galicia para escoller a mellor solución técnica e económica.

"Falamos dun proxecto que pode custar entre 2 e 3 millóns de euros, pero que permitiría controlar episodios de inundación con eficacia. Mesmo se só reducimos as inundacións a unha cada cinco anos, xa sería un avance significativo", argumentou. 

O concelleiro lembrou que ata hai poucos anos Augas de Galicia consideraba inviable esta clase de proxectos.

"Hai oito anos, esta proposta tería sido impensable", asegurou o edil. A colaboración actual abre novas posibilidades grazas á titularidade pública dos terreos implicados.

Mosquera recoñeceu que o tema é "complicadísimo" e require análises detalladas das cotas e da interacción co nivel da preamar.