Alcoholemias ao volante en 2020: redución drástica no confinamento e o peche perimetral e disparadas no verán

Pontevedra
17 de xaneiro 2021

A Policía Local de Pontevedra detectou en todo o ano 142 condutores que daban alcoholemias positivas, consumiran drogas ou se negaron a realizaron as probas. Deles, 62 acabaron no xulgado, o 44% do total, mentres que 80 afrontaron unha sanción administrativa

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

As singularidades do ano 2020 pola irrupción da pandemia da covid-19 notáronse en múltiples aspectos do día a día e un deles foi o comportamento do tráfico rodado. Os informes anuais da Policía Local de Pontevedra mostran que, a pesar de que durante moitos meses houbo importantes reducións da mobilidade, os delitos contra a seguridade viaria reducíronse, aínda que en porcentaxes inferiores aos que cabería esperar. Unha das explicacións posibles é que aumentaron os controis e, por tanto, detectáronse máis infraccións, pero tamén hai que poñer o foco nos meses de verán, nos que aumentaron os desprazamentos e os incumprimentos. 

Este comportamento é facilmente  detectable nos informes da Policía Local relativos á condución baixo a influencia do alcol e as drogas. O segundo trimestre estivo marcado polo confinamento estrito da poboación a partir do 14 de marzo e o cuarto trimestre polo peche perimetral de Pontevedra e o toque de queda. En ambos os períodos, reducíronse de forma drástica a cantidade de alcoholemias positivos. Con todo, no primeiro trimestre rexistráronse cifras importantes de infraccións e durante o verán no que se abriu a mobilidade repuntaron

Por meses, en xaneiro detectáronse 7 positivos, en febreiro 10 e en marzo 7, aínda que en abril tan só 1, en maio non houbo ningún e en xuño 2. En xullo xa se formularon 4 denuncias, en agosto e setembro 8 por mes e en outubro, 5. En novembro e decembro o peche perimetral e as restricións máis estritas baixaron a 0 os positivos detectados

Este mesmo comportamento detéctase se se analizan os delitos contra a seguridade viaria denunciados pola Policía Local de Pontevedra en 2020 en relación coa condución baixo os efectos do alcol e as drogas. Non todas as alcoholemias convértense nun delito contra a seguridade viaria, senón que aquelas con taxas de alcol en aire expirado inferiores a 0,60 mg/ l son sanción administrativa. As superiores acaban no xulgado. 

Os informes relativos aos delitos por superar a taxa de alcol permitida, dar positivo e drogas ou negarse a realizar as probas revelan que no verán se disparan deixando cifras de máis do dobre que nos meses do resto do ano, pero tamén dobrando datos doutros anos nas mesmas datas. 

Así, en abril tan só se detectou un delito -fronte aos 6, 8 e 9 dese mes en 2019, 2018 e 2017-; en maio houbo tres -nos tres anos anteriores houbo nese mes 6,8 e 9-; e no verán cuadriplicáronse. En xullo houbo 14 fronte aos 6, 8 e 9 dos anos anteriores e en agosto denunciáronse perante o xulgado 13 cando o habitual fora 8, 4 e 11.

Ademais de chamar a atención ese repunte de verán, tamén destaca a redución do terceiro trimestre, pois en outubro, novembro e decembro a Policía Local tan só denunciou perante o xulgado a dous infractores por mes cando en 2017 chegaran a ser 12,10 e 7, respectivamente. 

A nivel global, segundo as estatísticas de 2020, a Policía Local de Pontevedra instruíu un total de 109 atestados, nos que denunciou a outros tantos infractores por 116 delitos contra a seguridade viaria. Hai máis delitos que infractores porque algúns cometeron máis dun. 

Respecto diso, desde a Policía Local explican que en cinco ocasiones o mesmo condutor que levaba un vehículo baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas tamén se negou a someterse ás probas legalmente establecidas, tamén houbo dous condutores que conducían a pesar de que lles retiraban o permiso ou licenza por decisión xudicial, perda de puntos ou non obtelo nunca e superaban as taxas de alcoholemia ou drogas legalmente establecidas e a un condutor tamén o denunciaron pola dobre infracción de conducir sen permiso e negarse someterse á proba de alcoholemia. 

Por delitos, o máis habitual en 2020 foi, como sucede cada ano, conducir baixo a influencia do alcol e as drogas. Un total de 56 delitos, o 48% do total, foron por este motivo. Ademais, 50 condutores, o 43%, foron denunciados por non ter permiso de conducir, 6 por que llo retiraron por orde xudicial, 35 porque perderan todos os puntos e nove porque non o obtiñan nunca. 

Menos frecuentes foron o resto de delitos de tráfico denunciados. Dous condutores, o 2%, acabaron no xulgado por condución manifestamente temeraria; e oito -o 7%- por negarse a realizar as probas de alcol.

En relación cos delitos por condución alcohólica, destaca nas estatísticas que o 90% dos denunciados pola vía penal foron homes fronte a tan só o 10% de mulleres e que a idade con máis infractores é a comprendida entre os 35 e os 39 anos, pois o 21% dos denunciados estaban nesa franxa. En xeral, o 43% dos denunciados tiñan entre 35 e 49 anos e non houbo ningún denunciado de 18 e 19 anos e tampouco maior de 69.  

Eses delitos de alcol e drogas detectáronse fundamentalmente entre as doce da noite e as catro da madrugada. O 40,3% dos delitos contra a seguridade viaria denunciáronse durante a madrugada e o 73% entre as 22.00 horas da noite e as 8 da mañá. Durante o día, de 9.00 da mañá a 21.00 da noite, tan só formuláronse o 27%. 

Do total de 56 condutores que acabaron no xulgado por superar a taxa de alcoholemia permitida, 46 superaron taxas de 0,65 miligramos de alcol por litro de aire expirado e 10 tiñan mesmo taxas superiores a 1, isto é, o 22% tiñan unha taxa catro veces superior aos 0,25 permitidos. A taxa máis alta detectada en 2020 presentábaa un condutor de 40 anos que en agosto na rúa José Malvar deu un resultado de 1,44.

En total, a Policía Local de Pontevedra detectou en todo o ano 142 condutores que daban alcoholemias positivas, consumiran drogas ou se negaron a realizaron as probas. Deles, 62 acabaron no xulgado, o 44% do total, mentres que 80 afrontaron unha sanción administrativa.