O Concello de Vilaboa vén de remitir ao Ministerio de Transporte unha memoria que recolle as principais actuacións a realizar na estrada N-554 que pasan pola ampliación das beirarrúas, a dotación de novos accesos a núcleos de poboación e a creación dunha senda no Forno do Cal, que formaría parte da futura senda do litoral 'Do Sal á Cal'.
Xunto a este traballo técnico, o Concello remitiu ao Ministerio de Óscar Puente unha proposta de Vía Verde no trazado do ferrocarril que está en desuso no termo municipal de Vilaboa.
Para abordar estas cuestións César Poza, alcalde de Vilaboa, solicita un encontro co ministro.
César Poza tamén lle quere transmitir a urxencia para Vilaboa de contar cunha conexión con Vigo a través da AP-9 e a importancia de solventar algunhas deficiencias, como a recollida de augas, nos servizos da A-57.
"Ser lugar de paso deste tipo de infraestruturas xera oportunidades de posicionamento estratéxico para nós e tamén impactos nos servizos locais que precisamos corrixir", sinala o alcalde.
César Poza entende que "para Vilaboa é prioritario ter acceso a Vigo", o enlace sur permitiría desconxestionar a N-554 do tráfico procedente da autovía A-57 e facilitaría o seu acceso directo á autopista.
"Sería ademáis estratéxico para o noso futuro desarrollo urbanístico e industrial", explica o alcalde.
A memoria remitida ao Ministerio recolle as carencias que arrastra a N-554 desde a súa remodelación no 2010 facendo fincapé en que as beirarrúas precisan unha anchura libre de paso non inferior a 1,80 metro polo que habería que adaptalas á normativa vixente nos tramos urbanos e crear itinerarios peonís accesibles e acometer unha mellora do entorno, que pasa por preservar a seguridade nos accesos aos centros escolares e ás Salinas.
O Concello propón a creación dun novo vial ao CEP Plurilingüe de Riomaior, xa contemplado no PXOM aprobado en 2019 e outro ao colexio do Tourale á escola infantil que tería un tratamento adoquinado na parte central das Salinas. A memoria recolle unha terceira estrada que facilite o acceso aos núcleos de Pousada e Nores.
Por último, no referente á reforma na N-554, César Poza confía en expoñerlle persoalmente a Oscar Puente o interese turístico que suscita o Forno de Cal e que converte en "insuficiente" o pequeno aparcamento do que dispón, ademáis de crear un punto conflitivo de incorporación á N-554. Para mellorar a seguridade vial neste entorno o Concello propón crear un aparcadoiro no vial inutilizado e unha senda peonil que una o estacionamento co Forno de Cal.