O alcalde de Moraña, Sito Gómez, vén de anunciar a súa intención de presentar a súa candidatura á Presidencia da agrupación municipal do PP no quinto Congreso Local, que xa está fixado para o próximo 29 de marzo e no que se elixirá á persoa que tomará o testemuño de José Cela.
O actual rexedor e cabeza visible do PP local vai comezar de inmediato co proceso previo de recolección de avais entre os militantes populares de Moraña –esíxense un mínimo de 25– durante os próximos dez días para que o Cómite Organizador do Congreso valide a súa candidatura e poida concorrer á presidencia do PP local.
De superar este trámite, e con independencia de se se presenta ou non algunha outra candidatura, Sito Gómez ten previsto, segundo o recollido no regulamento congresual, realizar unha campaña electoral interna para explicarlle aos integrantes do partido o seu proxecto orgánico e tamén institucional no ámbito municipal antes de presentar aos integrantes da xunta local, que conformarán o comité executivo do PP morañés.
Sito Gómez, de 40 anos, estudou Dereito e é garda civil de profesión. Con moita experiencia, adicación e traxectoria no tecido social do concello antes de estrearse en política nas eleccións municipais de 2023 como cabeza de lista do PP.
A súa candidatura conseguíu reeditar a cuarta vitoria consecutiva dos populares en Moraña e ademais fixoo con maioría absoluta, co que mantivo o goberno local que dirixe desde hai 21 meses.
"Agora iniciamos un importante proceso interno e o afronto coa intención de seguir fortalecendo, renovando e ampliando a base social do noso partido en Moraña, que é claramente o preferido polos veciños, para prepararnos do mellor xeito posible para as eleccións de 2027 e para impulsar o noso proxecto, que ten como prioridade a atención á xente", manifestou Gómez, que quixo poñer en valor o gran traballo de Luisa Piñeiro e José Cela, os dous anteriores presidentes locais do partido.
Finalmente, o tamén alcalde amosouse esperanzado en obter a confianza maioritaria da militancia e convidou publicamente a todos os membros do PP de Moraña a participar e implicarse neste proceso congresual "para seguir construíndo un partido forte no que prime a unidade e a coherencia".