O goberno municipal de Cambados, encabezado polo alcalde Samuel Lago, propuxo á Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés a sinatura dun novo convenio que permitiría transferir a titularidade do centro de Atención Primaria da localidade á Consellería de Sanidade.
Esta iniciativa xurdiu durante unha xuntanza técnica celebrada no Hospital Provincial de Pontevedra, na que participaron o xerente da área sanitaria, José Flores Arias, o subdirector de Recursos Económicos, Antonio Taboada, e por parte do Concello, o alcalde Samuel Lago e a voceira de Servizos Sociais, atención á diversidade funcional e Sanidade, Regina Núñez.
Durante o encontro, os representantes sanitarios comunicaron aos mandatarios municipais a finalización do período de convenio que o Concello mantén con Portos de Galicia para a cesión dos terreos onde está construído o actual centro de saúde.
Ante esta circunstancia, o goberno local propuxo como solución a cesión da titularidade do inmoble onde está situado o centro de saúde.
Actualmente o edificio é de propiedade municipal e o Concello estuda esa cesión á Consellería de Sanidade, que dirixe Antonio Gómez Caamaño.
A xuntanza tamén serviu para facer un repaso da actividade asistencial que se desenvolve no centro de Atención Primaria de Cambados, valorada como "satisfactoria" tanto no referente aos servizos sanitarios prestados como ás diversas iniciativas de carácter comunitario que se realizan conxuntamente entre o persoal do centro e o Concello.
Este encontro enmárcase dentro da política de colaboración que mantén a Xerencia coas corporacións locais en materia sanitaria, coa intención de, neste caso, garantir a continuidade e mellora dos servizos de saúde na localidade do Salnés.