O Concello de Vilagarcía celebrou este sábado o Pleno no que quedou constituída a nova Corporación Municipal tras as eleccións do 28M, e no que o socialista, Alberto Varela, resultou elixido alcalde por maioría absoluta ao sumar os 9 votos do PSdG e os 2 do BNG, fronte aos 9 que obtivo a candidata do PP, Ana Granja, e do 1 do edil de EU, Juan Fajardo.
Varela Paz tomou posesión do cargo do que será o seu terceiro mandato co obxectivo de "continuar mellorando Vilagarcía e a calidade de vida dos vilagarciáns" e sen perder a perspectiva dos tempos que vivimos.
Como manda o protocolo, a sesión constitutiva comezou coa toma de posesión dos 21 concelleiros electos que, un a un, foron prometendo ou xurando o cargo e pasando fronte a mesa de idade, composta pola concelleira de máis anos, Luz Abalo, e o edil máis novo, Raúl Santamaría, para recoller a medalla de membro da Corporación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa.
A maioría dos concelleiros optou pola fórmula preestablecida, prometendo ou xurando, aínda que houbo que personalizou o texto, resumíndoo a un "Prometo acatar a Constitución Española", do socialista, Álvaro Carou, ou á versión desta fórmula que utilizou a nacionalista, Rosa Abuín, engadíndolle un "por imperativo legal". Tamén por imperativo prometeu o seu compañeiro Javier Rodríguez -que ademais se comprometeu a "defender os dereitos legais dos veciños de Vilagarcía"-, igual que o edil de Esquerda Unida, Juan Fajardo quen adornou a texto coa esperanza dunha terceira República.
Aínda que esperado, o resultado da votación para a elección do alcalde mantivo o suspense ata o reconto do último voto, favorable a Varela e que lle daba a maioría absoluta.
Tras recibir o bastón de mando por terceira vez consecutiva, Varela Paz procedeu a ler un discurso que comezou agradecendo a confianza que depositaron nel os vilagarciáns que votaron á lista socialista, e tamén amosando a súa gratitude aos que se decantaron por outras opcións, "ben porque lles gustaron máis os seus proxectos, ben –e algún caso habería- porque nos quixeron mandar unha mensaxe... mensaxe recibida, e dende logo asumida", sentenciou.
Notablemente emocionado, a voz quebróuselle no agradecemento aos membros do equipo que o acompañaron nos últimos catro anos e que non repetirán como concelleiros neste novo mandato, como Miro Serén, Alba Briones e Mati Laya. E agradeceu "a responsabilidade e xenerosidade" dos dous concelleiros do BNG "por facilitar que tamén aquí en Vilagarcía se poida constituír un goberno de progreso".
Mirando cara a primeira fila do auditorio, na que se sentaban os ex alcaldes José Luis Recuna, José Luis Rivera Mallo, Javier Gago, Enrique León, Dolores García e Tomás Fole, e partindo dunha cita do rexedor "de esquerdas e republicano", Elpidio Villaverde, Varela Paz destacou que ao longo da historia de Vilagarcía, o nexo en común de todos os gobernantes da cidade, independentemente de ideoloxías, foi a paixón que sentían por ela e o traballo realizado para mellorala, traballo que cada un deles centrou nas necesidades e circunstancias de cada época.
Facendo un chamamento á loita común de toda a Corporación pola defensa de Vilagarcía "dende a diferenza e a pluralidade, e sen descualificar a ninguén, e menos á propia cidade", Alberto Varela concluíu o discurso volvendo a citar a Elpidio Villaverde dicindo "neste réxime de democracias, nin podemos cantar os acertos nin compadecernos dos erros: tan só debe predominar a idea de conseguir un anhelado fin, o benestar e o progreso do noso pobo".
Unha vez solucionada a investidura, para os próximos días queda pendente a organización do goberno da Praza de Ravella, se formará parte o BNG do mesmo como ocorreu de 2007 a 2011, co bipartito liderado por Dores García e Xosé Castro Rato, ou se os nacionalistas quedarán na oposición, brindando apoios puntuais aos socialistas, algo que xa ocorreu entre 2015 e 2019.