Alberto Varela afirma que "todos somos necesarios" para os "retos con maiúsculas" que ten Vilagarcía

O Salnés
15 de xuño 2019

O socialista Alberto Varela Paz foi reelixido este sábado alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa grazas á terceira maioría absoluta do municipio na súa traxectoria democrática

Alberto Varela na súa investidura como alcalde de Vilagarcía de Arousa
Alberto Varela na súa investidura como alcalde de Vilagarcía de Arousa / Fegamp

O socialista Alberto Varela Paz foi reelixido este sábado alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa grazas á terceira maioría absoluta do municipio na súa traxectoria democrática.

Varela agradeceu a confianza que nel depositou a cidadanía para poder gobernar con 12 concelleiros e tendeu a man do Partido Socialista ao resto das forzas políticas da corporación (PP, BNG, En Común, Cidadáns e Marea da Vila) para alcanzar os "retos con maiúsculas" que Vilagarcía ten por diante porque "todos somos necesarios".

"Podemos discrepar, porque ninguén está en posesión da verdade, pero esta cidade ten retos con maiúsculas para cuxa solución non basta con que un só grupo teña máis respaldo cos demais" dixo o rexedor.

"A miña intención é que neses grandes retos todos os grupos da corporación podamos traballar xuntos", engadiu Alberto Varela, que en referencia á Xunta de Galicia instou o resto das administracións a que "sexan sensibles ás demandas dos veciños, con independencia da cor política de quen as goberna circunstancialmente".

Acompañando a Alberto Varela nesta sesión de investidura acudiron ao pleno os seis alcaldes de Vilagarcía durante a democracia.