Alberto Avendaño será o pregoeiro das Festas de San Roque 2024

O Salnés
27 de xullo 2024

Sairá ao balcón da casa consistorial o mércores 14 de agosto, ás 20:30 horas, para dar o pistoletazo de saída a doce días de festa nos que haberá música, humor, folclore, verbenas e circo de rúa, con moita presenza do talento local e galego

Alberto Avendaño
Alberto Avendaño / PontevedraViva

O escritor e xornalista vigués Alberto Avendaño, afincado en Vilagarcía dende hai uns anos tras regresar de Estados Unidos, onde desenvolveu unha exitosa carreira profesional, será o pregoeiro das Festas de San Roque 2024.

Sairá ao balcón da casa consistorial o mércores 14 de agosto, ás 20:30 horas, para dar o pistoletazo de saída a doce días de festa nos que haberá música, humor, folclore, verbenas e circo de rúa, con moita presenza do talento local e galego.

Avendaño presume dunha vida en dous mundos (Galicia -TVG- e Estados Unidos -The Washington Post-). É, como el mesmo di, un "emigrante retornado" que escolleu Vilagarcía para, despois de 30 anos fóra, ofrecerlle á súa familia unha referencia de vida e de cultura.

É membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española, recibiu os galardóns máis importantes da prensa hispana de Estados Unidos e conta con tres premios Emmy da academia da televisión estadounidense.

Ao longo da súa carreira, publicou varios libros de narrativa e poesía e traduciu ao galego a Allan Poe, traballo polo que recibiu un premio internacional. Na TVG realizou e presentou varios programas informativos e magacines e tamén dirixiu dobraxes.

En Estados Unidos, onde se licenciou en xornalismo, creou o semanario El Tiempo Latino, co que chegaría a un acordo de colaboración con The Washintong Post. Nesta estadía, recibiu diversos premios polos seus traballos en prensa e televisión, sempre en español.

Despois do seu pregón, como vén sendo tradicional, haberá un desfile de asociacións e colectivos que farán unha ofrenda floral ao santo diante da igrexa e, xa pola noite, Guadi Galego (22:30 horas) protagonizará o primeiro dos grandes concertos destas festas.

As festas de Vilagarcía, que Avendaño pregoará, concluirán co sempre esperado festival pirotécnico do Combate Naval, o sábado 24, e o desfile de carrozas, o domingo 25 de agosto.