"En albas", pero co stock garantido na tenda de Sargadelos en Pontevedra tras o peche da fábrica de Cervo

Pontevedra
03 de abril 2025
Actualizado: 15:19

O anuncio do cesamento de produción nunha das dúas plantas da marca aumentou a asistencia de clientela. O seu xerente, Diego Torrado, confirma que "houbo moita xente comprando e preguntando"

Afluencia masiva á tenda de Sargadelos en Pontevedra
Afluencia masiva á tenda de Sargadelos en Pontevedra / Mónica Patxot

A emblemática tenda de Sargadelos da rúa Oliva de Pontevedra ten desde a tarde deste mércores unha actividade frenética e inusual.

Desde que o administrador único e máximo propietario da compañía, Segismundo García, anunciou o peche da planta de produción que teñen en Cervo (Lugo), houbo moita clientela que acudiu á tenda.

O seu xerente, Diego Torrado, confirma esa afluencia. "Houbo moita xente onte toda a tarde, preguntando e comprando", indicaba este xoves. E este comportamento mantívose durante a mañá do xoves, coa tenda chea en varios momentos da mañá.

Moita clientela chega intrigada pola rechamante noticia do peche de Cervo e algunha tamén preocupada por si esa decisión implica o peche da compañía e, por tanto, a famosa marca de cerámica deixa de venderse.

Moitos compraron e un bo número tamén se interesou por pezas de vaixelas que teñen sen completar ou por pezas que teñen en mente comprar, en previsión de adquirilas xa por si pechan ou se esgotan.

A todos tranquilízanlles o seu xerente e os outros catro traballadores do negocio pontevedrés. Explícalles que tan só pechou a planta de produción de Cervo, pero segue aberta a que teñen en Sada (A Coruña) e tamén o resto das actividades da compañía.

Tenda de Sargadelos en Pontevedra
Tenda de Sargadelos en PontevedraMónica Patxot

Diego Torrado recoñece que a noticia lles mantén "en albas", moi pendentes das últimas novidades que chegan desde Cervo, pero "non preocupados", pois Sargaleos segue funcionando, seguen tendo stock e a decisión non terá ningún impacto na tenda de Pontevedra.

"Stock hai, a fábrica de Sada funciona, a distribuidora segue con estocaje", garante. Por tanto, non haberá desabastecemento nin tampouco deixarán de traballar.

A tenda de Sargadelos en Pontevedra comparte espazo cun negocio de emarcación de cadros, pero a "principal actividade" está vinculada coa venda da mítica marca de cerámica. Dela dependen cinco traballadores.

O negocio leva aberto desde principios dos anos 60. Abriu na rúa Oliva entre 1964 e 1965 e mudouse ao local actual -antes estaba no contiguo- en 1997.

Afluencia masiva de clientela á tenda de Sargadelos en Pontevedra
Afluencia masiva de clientela á tenda de Sargadelos en PontevedraMónica Patxot

"NON HAI DEREITO", DI A CLIENTELA

María Dores Barcala, veciña de Salcedo, foi unha desas clientas que este xoves acudiu á tenda. No seu caso, acudiu porque "teño que facer un agasallo e vin ver que tiñan", pero é firme defensora desta marca e mostrou a súa preocupación.

"Non hai dereito a que peche esta empresa", lamentou, e aproveitou para pedir apoio das administracións para evitar o cesamento de actividade de Cervo. "Hai que apoialos por parte da Xunta, do Goberno ou de quen sexa", insistiu.

Destacou a vinculación de Sargadelos con Galicia. "É unha cousa que temos representativa", defendeu.