Cando se cumpren algo máis de dous meses dende a súa apertura, o Centro de Día Al faRo Mayores recibía a visita da concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quen daba os parabéns ás fundadoras do Centro, Rocío Pidre e Alicia Méndez, "pola iniciativa e a valentía" de poñer en marcha este "espazo de encontro" onde as persoas maiores, "fonte de viviencias e experiencias, son escoitadas".
Coincidindo con esta visita, os usuarios do Centro de Día puideron gozar dunha actividade moi especial: un debate no que unha representación dos diferentes ámbitos sociais, económicos e culturais reflexionou sobre A Importancia dos Maiores na Cidade de Pontevedra.
Explican as responsables de Al faRo Mayores, Rocío Pidre e Alicia Méndez, que esta actividade xorde da idea de facer unha "inauguración diferente" do Centro, na que participasen tanto os propios usuarios como as súas familias e persoas de diversos ámbitos de Pontevedra. O tema do debate foise xestando a partir dunha curiosa coincidencia. "Sorprendíanos que cando tomamos os datos dos novos usuarios, máis da metade dicíannos: eu tiven unha empresa, ou a miña familia foi a dona de tal negocio", comentan. Entre outros, a familia Solla, que tivo a primeira tinturería na zona de San Roque, ou a familia Silva, propietaria da lembrada Ferretería Silva. Precisamente Paco Silva foi recoñecido recentemente como o abonado número 1 do Pontevedra CF nun acto organizado polo propio Centro de Día, que ten entre os seus obxectivos conseguir que cada un dos seus Maiores poida ter o seu "día especial".
A IMPORTANCIA DOS MAIORES
A actividade de debate realizada na tarde deste venres servía para recoñecer o valor económico, social e cultural que achegaron todos os Maiores á Cidade, e a continuidade hoxe en día.
Neste coloquio interviñeron Anabel Gulías, tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, quen expuxo que ofrece Pontevedra aos Maiores e tamén recolleu algunhas ideas dos usuarios do Centro para mellorar a contorna; Juan José López, director da Residencia de Maiores de Campolongo, que incidía sobre a importancia de reivindicar espazos como Al faRo "onde ser, non onde estar", e anunciaba a colaboración dos dous centros para compartir actividades, vida social ou incluso o auditorio de Campolongo; María José Lores, familiar de dúas usuarias do Centro e docente no Instituto Carlos Oroza, quen falou das necesidades das familias e que se ofrece desde este tipo de Centro para darlles resposta; María Carmen Fuentes, fundadora de Gestoría Fuentes, que remarcou o papel imprescindible que desempeñaron os Maiores na economía y o avance social do noso país como "primeira xeración de empresas que continúan cos seus fillos e que son un piar fundamental para calquera concello"; e Antonio Morrondo eJosep Guzmán, fundadores de Morrondo e Ferradás, que dende a súa consultoría tamén defenden a achega e o saber das xeracións máis veteranas e eloxiaron o proxecto de Al faRo Mayores porque "unha empresa non son só números, senón tamén ética e dignidade, orgullo e valor".
O debate animouse coas achegas dos usuarios do Centro, que estableceron unha animada charla con todos os relatores.
CENTRO DE DÍA AL FARO MAYORES
Rocío Pidre e Alicia Méndez, as fundadoras do Centro, afirman que este espazo nace en resposta a unha necesidade social en Pontevedra, para ofrecer un lugar de encontro a persoas a partir de 55 anos que desexan seguir vivindo como a elas lles gusta, poder desenvolver as súas afeccións e compartir parte do seu tempo con persoas afíns. "Prestamos unha atención integral, continuada e moi dinámica, enfocada no benestar e felicidade das persoas que acoden ao Centro, que cada día sexa diferente".
"Prestamos unha atención integral, continuada e moi dinámica, enfocada no benestar e felicidade das persoas que acoden ao Centro"
O equipo asistencial e técnico está formado por persoas con humanidade, respecto e profesionalidade, en formación permanente, e cun ambiente cálido e de colaboración. Todo iso nunhas instalacións modernas e acolledoras no centro de Pontevedra, rodeadas de zonas verdes e de paseo en Campolongo. "Buscamos ferventemente que se sintan en casa".
A través dunha atención excepcional, nunha contorna divertida e de apoio, en Al faRo Mayores foméntase a independencia, promóvese unha vida digna e apoio ao estilo de vida. Con actividades dentro e fóra do Centro que encaixen nos gustos de cada persoa, coidando os detalles para tratar co máximo respecto a ideoloxía e os costumes de cada persoa, lógrase que cada día sexa diferente. Un paquete de atención total, con horarios flexibles e posibilidade de inscrición a tempo completo ou parcial.
* O Centro de Día Al faRo Mayores está situado na rúa Alcalde Hevia nº3 - baixo en Pontevedra. Pódese contactar a través do teléfono 986 904 491, o correo electrónico info@alfaromayores.com ou completar o formulario habilitado na web: Reserva a túa praza.