O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comentaba este luns que aínda é preciso confirmar os casos positivos detectados e revisar todos os resultados de probas PCR realizadas durante as últimas horas para adoptar unha decisión sobre as medidas restritivas ante a repunta de infeccións na provincia de Pontevedra.
Afirma que, en principio, a cifra parece "menos grave do esperado". Detectáronse 50 casos en Pontevedra e 70 no conxunto de Galicia derivados das viaxes a Mallorca ou de contactos posteriores. Ademais, aínda se está pendente das probas que se realizarán mañá a 90 persoas que está previsto que cheguen este martes procedentes da illa balear. Nestes casos, efectuaranse probas PCR no aeroporto á súa chegada.
"Aínda é pronto para dimensionar se van modificarse as restricións na área de Pontevedra ou de Vigo", sinalou o máximo responsable da sanidade galega. Lembrou que existe un grupo importante de persoas afectadas en Pontevedra pero tamén na Coruña.
A causa, segundo explicou, destes contaxios débese á celebración de gradacións, eventos deportivos ou outro tipo de festexos "difíciles de controlar" unha vez que algúns estudantes chegaron de Mallorca. E sinalou que durante o curso o comportamento foi exemplar nos centros educativos e agora esa burbulla "deixou de existir" e haberá que investigar as concentracións de estudantes sen esas condicións mínimas para evitar a infección.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que hai unha recomendación do Centro de Vixilancia Epidemiolóxica para que se eviten este tipo de viaxes e tamén demanda que se suspendan as celebracións educativas, ademais de manter as normas en vigor. García Comesaña insistiu en alertar sobre a prohibición lexislativa de realizar botellóns en Galicia.
Aprazou ata a tarde deste martes, cando se reúna o comité clínico, a adopción dun cambio de nivel de restricións na área de Pontevedra á espera de comprobar os datos da incidencia acumulada tanto a 14 como a 7 días. O conselleiro matizou nas súas conclusións que non se trata dun gromo xerado no ámbito autonómico senón importado.