Aínda que chova, en Pontevedra haberá Cabalgata de Reis o domingo

Pontevedra
02 de xaneiro 2025

En moitas localidades esta previsión de choiva fai perigar as Cabalgatas, pero en Pontevedra aseguran os organizadores que o domingo sairá o desfile con Melchor, Gaspar e Baltasar

A Cabalgata de Reis percorre as rúas de Pontevedra
A Cabalgata de Reis percorre as rúas de Pontevedra / Cristina Saiz

A previsión meteorolóxica para os próximos días apunta que, desde este xoves, haberá precipitacións todos os días. MeteoGalicia sitúa nun 95% a probabilidade de choiva en Pontevedra para este domingo.

"Durante o domingo 5 e luns 6 é probable que as precipitacións se estendan por boa parte das vertentes cantábrica e atlántica, máis fortes e persistentes no oeste de Galicia e do sistema Central", sinalan desde a Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía).

Segundo a presivisión de MeteoGalicia, unha borrasca profunda localizarase preto de Galicia durante o domingo, día 5, deixando choivas xeneralizadas e persistentes durante a mañá, que se transformarán en chuvascos intermitentes pola tarde que por momentos poderían ser moderados. Ademais o vento, de compoñente sur, será forte.

En moitas localidades esta previsión de choiva fai perigar as Cabalgatas dos Reis Magos, pero en Pontevedra aseguran os organizadores que o domingo sairá o desfile con Melchor, Gaspar e Baltasar. Descártase o seu adianto ao sábado.

Os chuvascos poden impedir a participación na Cabalgata pontevedresa dalgúns elementos como os grupos musicais cuxos instrumentos sairían danados.

A saída das carrozas de fantasía dos Magos de Oriente está prevista na tarde do día 5, ás 18.00 horas, co seguinte percorrido: Avenida de Lugo, Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.

A decisión podería variar no caso de que se decretase algunha alerta que afectase á seguridade das actividades ao aire libre.