Álvaro, Carla, Jorge A, Carolina, Jorge F. e Sira. Son seis alumnos de sexto curso de Primaria do CEIP Campolongo de Pontevedra e dende o mes de setembro van camiñando sós ao colexio, sen adultos "que estén todo el rato preguntándote: '¿hiciste la cama?'" e, para tranquilidade propia e das súas familias e profesores, senten que"voy seguro, no me va a pasar nada". Son seis dos 412 alumnos da cidade que se benefician este trimestre do programa 'Camiños escolares' e, aínda que só levan tres meses, xa son firmes defensores da iniciativa: "Ahora si vas solo al cole, puedes ir tranquilo".
Jorge F. ten 12 anos e vive na rúa Rosalía de Castro, a uns dous minutos a pé do colexio. O curso pasado acompañáballe un adulto, pero este ano vai só ou, ás veces, con outro alumno do centro que vive no seu mesmo edificio. Á vista de como explica o programa ante os seus compañeiros, parece confirmarse que é un caso paradigmático dos beneficios deste programa.
"Me estoy haciendo más responsable, mayor", asegura moi serio. Os primeiros días de curso recoñece que "tenía un poco de miedo por si me venía alguien, unos días antes le habían robado el bolso a una señora", pero agora comprobou que non hai motivo para a dúbida. El mesmo define o proxecto como "un camino entre la casa y el cole y el cole y la casa por el que puedes ir solo o no, pero si vas solo, puedes ir tranquilo porque hay unas personas encargadas de la seguridad que te ayudan a cruzar los pasos de peatones".
A mostra de responsabilidade que dá Jorge F. é máis comedida no caso dos outros cinco compañeiros aos que PontevedraViva reuniu para coñecer as súas experiencias cos 'Camiños escolares', pero aparecen testemuños como o de Carolina. Vive en Eduardo Pondal e tarda uns 10 minutos en chegar ao colexio cada día. Antes acompañáballe a súa nai, pero este ano vai soa e confesa que "me siento mayor", porque "confían en mi y no están las madres al lado todo el tiempo".
Nos tres meses transcorridos dende que é a cidade a que a acompaña ao colexio e non a súa nai, Carolina tan só tivo un contratempo, pero recórdao cun sorriso na boca. Aconteceu un día que chovía moito, "venía para el colegio, tropecé en una baldosa y me caí dentro de un charco. Acabé empapada". Polo demais, "no me ha pasado nada".
Álvaro recorda algunha anécdota máis. Cada día camiña ata Campolongo dende a rúa San Pedro Alcántara coa súa irmá de oito anos. Tardan uns dez minutos e recorda que un día viu como un vehículo golpeaba un home que cruzaba por un paso de peóns, "pero no le pasó nada", ou como este se encontrou con condutores que desoen as indicacións das persoas voluntarias que se sitúan nos cruzamentos para axudar a pasar aos escolares. "Se ponen todos pesados y no quieren dejarnos pasar. Yo les digo: 'pasa, hombre, pasa', y luego paso yo".
Sira vive en Augusto García Sánchez, a dous minutos do colexio, e en anos anteriores acompañáballe o seu pai ao colexio. Este ano, cando coñeceu os 'Camiños escolares', pediu os seus pais que lle deixaran ir camiñando soa. Ante as reticencias iniciais que eles lle poñían, "les dije que o me compraban el móvil o me dejaban ir sola". Quedouse sen teléfono móbil e agora cada día encóntrase polo camiño a bastantes compañeiros que tamén van sen adultos a clase.
Unha das alumnas coas que se encontra é Carla. Tamén vive en Augusto García Sánchez e, no seu caso, leva cada día á súa irmá. A pequena non quere darlle a man para ir pola rúa, pero adoita ser bastante obediente e sitúase ao seu lado, "no se me escapa", como ten visto que sucede cos irmáns pequenos dalgúns compañeiros. Está "contenta" con esta posibilidade de que a súa nai non teña que acompañala a clase a diario e define os 'Camiños escolares' como "una zona segura para llegar al colegio. En los cruces no tienes el peligro de que te atropellen porque hay gente que te permite pasar".
"Os nenos collen autonomía, coñecen o seu barrio e chegan ao colexio máis espabilados"
O balance positivo que fan estes alumnos do colexio Campolongo débese, segundo eles recoñecen, ás indicacións que lles deron tanto as súas familias coma a comunidade escolar e a Policía Local. "Nos explicaron cómo teníamos que cruzar, cómo ir por la calle". explica Jorge A, que vive na rúa General Rubín e nota que agora "es más seguro" ir ao colexio que en anos anteriores, cando non se implantara esta iniciativa. Recoñece, iso si, que non é o mesmo ir ao colexio que regresar á casa. No regreso sempre tarda máis, pero a súa familia pode estar tranquila, pois "tardo media hora, pero porque me paro a jugar al fútbol".
O balance tamén é positivo dende o centro escolar. O director do CEIP Campolongo, José Manuel Sánchez Moure, constata que non rexistrou ningunha incidencia negativa do programa e valora que " os nenos collen autonomía, coñecen o seu barrio e chegan ao colexio máis espabilados que cando viñan en coche". En defensa deste tipo de iniciativas asegura que "está demostrado que os nenos que veñen andando renden máis nas primeiras horas" e avanza que os 'Camiños escolares' se van "implantando pouco a pouco, comezou timidamente e medra á medida que os pais van vendo que funciona".
Os 'Camiños escolares' naceron no ano 2010 no colexio Álvarez Limeses e este 2013 estendéronse a todos os colexios do centro de Pontevedra, nos que hai 1.942 alumnos de entre 7 e 12 anos (as edades ás que se permite unirse á iniciativa). Os datos que manexa a Policía Local rebelan que 880 escolares deses centros van camiñando ao colexio acompañados por un adulto, 412 van sós e 650 por outros medios.
Os alumnos que contan con autorización paterna e están no rexistro de usuarios deste programa son máis numerosos no Álvarez Limeses, onde a iniciativa xa leva tres anos, con 90 alumnos, un 30% do total. Ten menor aceptación en Las Doroteas, con 51 alumnos, un 11,3% dos matriculados. En Barcelos hai 60 usuarios (o 22,5%); no Froebel, 35 (o 23,3%); no Vidal Portela, 52 (o 22,3%); e en Campolongo 124 (o 22,9% dos 542 escolares do centro).