O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este martes a Casa do Maior Amizade, en Meis.
A visita tivo lugar con motivo da entrada en funcionamento hai apenas un mes, deste novo servizo que ofrece unha atención diúrna, familiar e especializada e á que poden acudir ata cinco persoas maiores de máis de 60 anos.
Cabe destacar que estas casas do maior funcionan grazas a promotoras que, grazas ao apoio económico da Xunta, ofrecen un servizo gratuíto ás persoas usuarias.
No caso da Casa do Maior Amizade, neste 2025, a Xunta apoia con máis 50.000 euros a súa actividade, entre o investimento inicial, o apoio ao seu funcionamento e a subvención para o transporte gratuíto dos usuarios.
O delegado territorial puido conversar cos usuarios, que lle trasladaron a súa satisfacción cos servizos recibidos.
Ademais, as xerentes do espazo destacaron a importancia de contar con espazos como este que ofrecen unha alternativa de ocio e socialización ás persoas que o precisan, especialmente nos concellos con máis dispersión poboacional.
Reguera rematou a visita lembrando o compromiso da Xunta co coidado dos máis vulnerables, que o pasado ano 2024 destinou 1,3 millóns de euros para a apertura de 20 novas casas do maior en toda Galicia, que con estas incorporacións suma xa máis de 140 recursos destas características en funcionamento.
As casas do maior son unha medida pioneira que o Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros.
Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Así mesmo e como novidade, esta orde establece unha axuda complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.