Agustín Reguera garante o apoio da Xunta a AJE e a colectivos de persoas xordas

Pontevedra
20 de xullo 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo encontros con representantes de ámbolos colectivos durante as últimas horas. Reguera lembrou a necesidade de axudar os emprendedores mozos para lograr unha economía máis próspera e competitiva

Agustín Reguera co vicepresidente e presidenta de AJE
Agustín Reguera co vicepresidente e presidenta de AJE / Xunta de Galicia

Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, mantivo na mañá deste xoves unha reunión con representantes da Asociación de Novos Empresarios (AJE) de Pontevedra, e tamén cos presidentes das asociacións de Persoas Xordas de Galicia e de Pontevedra.

María Buceta, presidenta de AJE, acompañada polo vicepresidente Iago González informou o delegado das diferentes actividades e preocupacións deste colectivo empresarial. Para Reguera é de "gran importancia" contar con mozos valentes que se esforzan por innovar e crear emprego. Neste sentido, destacou o traballo de AJE como respaldo e apoio dos emprendedores.

O representante da administración autonómica tamén mantiña un encontro con Iker Sertucha e Cristina Páramos, presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e da Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, respectivamente.

Coa axuda dunha intérprete de linguaxe de signos, os representantes destes colectivos trasladaron as múltiples actividades que desenvolven a diario e que pasan desapercibidas para gran parte da poboación.

Reguera comprometeuse a seguir con atención o traballo que desenvolven e púxose ao dispor destas entidades para estudar "novas vías de colaboración" de fronte ao futuro.