Agustín Fernández eleva o custo de Pasarón a case 18 millóns e anuncia que acudirá a Fiscalía

Pontevedra
03 de abril 2014

O concelleiro de Deportes baséase na liquidación do exercicio corrente de 2013 da Deputación para asegurar que o estadio custou finalmente 17.939.639 euros, dous millóns máis do recoñecido pola institución provincial

Agustín Fernández visita Pasarón acompañado de técnicos municipais
Agustín Fernández visita Pasarón acompañado de técnicos municipais / PontevedraViva

Cando a polémica polo sobrecusto na construción do Estadio Municipal de Pasarón parecía apagarse o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, volveu levala ao primeiro plano informativo ao asegurar que o custo final do estadio foi de 17.939.639 euros.

Fernández baséase na liquidación do exercicio corrente de 2013 da Deputación de Pontevedra para manter esta cifra, que supón algo máis de dous millóns de euros máis que o recoñecido pola institución provincial, que fixou o custo final en 15.896.681 euros.

Agustín Fernández: "Faise inevitable a lo menos comunicar esta situación á Fiscalía"

Segundo o concelleiro "non hai proxectos modificados ou complemetarios que expliquen este crecemento de dous millón no gasto de Pasarón" e que situarían o sobrecusto no 150% , tendo en conta que a adxudicación se realizou por algo máis de 7,2 millóns de euros.

Con estes datos, mantén Agustín Fernández, "faise inevitable a lo menos comunicar esta situación á Fiscalía" ao asegurar que "estamos ante unha trama de alteración sistemática do orzamento que non conta co aval dos técnicos da Deputación".

O concelleiro socialista defende que trasladarán a documentación que posúen ao Ministerio Fiscal "e Fiscalía será quen tome unha decisión".

RECEPCIÿN DO ESTADIO POR PARTE DO CONCELLO

Agustín Fernández tamén se referiu na súa comparecencia ante os medios de comunicación á recepción do estadio por parte do Concello, unha vez finalizadas as obras.

O responsable municipal de Deportes mantén que espera o informe respectivo dos técnicos, a pesar das declaracións do concelleiro nacionalista César Mosquera, que deu o asunto por pechado asegurando que a xestión da instalación pertence ao Concello dende 2012.

Fernández, aínda que inicialmente quixo restar importancia a estas declaracións, cualificounas como "apresuradas e pouco meditadas", para finalizar cunhas polémicas afirmacións sobre o seu socio de goberno: "me parece que as declaracións de Mosquera hai que enmarcalas no ámbito dun pacto entre o PP e o BNG no que parece que Louzán lle esixe que no tema de Pasarón se posicionen dun determinado xeito".