Lonxe de calmarse, a polémica derivada da construccción do Estadio Municipal de Pasarón segue escribindo novos capítulos.
Nesta ocasión o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, anunciou que solicitará o próximo luns "formalmente e por rexistro" á Deputación a convocatoria da Comisión de Seguimento das obras, toda vez que aínda non se disolveu.
Explica Fernández que neste foro, que reúne representantes de Concello, Deputación e a empresa construtora, Oreco, deberíanse dar as explicacións oportunas do sobrecusto de 8,6 millóns que arrastrou a obra porque "hai 8,6 millóns de motivos para que se den explicacións", segundo o concelleiro, que se basea ademais no informe do Conselo de Contas ou do interventor da Deputación, que asegura "indican que se debía facer unha nova licitación" tras o modificado inicial de 5,7 millóns de euros.
Agustín Fernández: "Houbo unha operación deseñada dende o despacho do presidente da Deputación para favorecer deliberadamente a unha empresa".
Para o responsable municipal de Deportes "salvo que se nos explique, aquí houbo unha operación deseñada dende o despacho do presidente da Deputación para favorecer deliberadamente a unha empresa".
Malia a gravidade da acusación, Agustín Fernández e o Partido Socialista non xudicializarán o asunto polo momento, aínda que asegura que "hoxe estamos máis cerca de facelo, pero antes hai un procedemento institucional".
No que ademais se reafirmou Fernández é en que "este concelleiro non recepcionará a obra" se os informes dos técnicos municipais non son favorables, uns documentos que está a expensas da valoracion sobre o terreo de xogo e as instalacións eléctricas e que se esperan para a primavera.
Na rolda de prensa ofrecida polo edil repetíronse as cifras do proxecto, iniciado cun presuposto de 7.237.740 euros e que finalmente rematou custando 15.896.941 euros tras dous modificados e dous complementarios.