O alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, foi agredido a pasada madrugada por un veciño e, tras acudir ao hospital na mañá deste domingo, púidose confirmar que ten unha lesión na clavícula.
A agresión ocorreu durante a madrugada do sábado ao domingo, coincidindo coa celebración na Illa de Arousa das festas patronais de San Xulián.
Segundo a podido confirmar este xornal, un veciño encarouse co alcalde, co que tiña distintos pareceres sobre un asunto, e, durante a discusión, empuxouno. O rexedor caeu ao chan, outras persoas que presenciaron o ocorrido mediaron para separalos e el foise a casa.
Na mañá deste domingo, Carlos Iglesias sentiu dor, acudiu ao hospital e, tras realizarlle as correspondentes probas, os médicos confirmaron que ten unha lesión na clavícula.
Fontes oficiais da Garda Civil consultadas por este xornal confirmaron que teñen constancia da existencia dun incidente destas características na Illa a pasada madrugada, aínda que descartan confirmar que a vítima sexa o alcalde, pois non adoitan facilitar identidades das persoas agredidas.
Estas mesmas fontes tamén sinalan que, de momento, non existe denuncia oficial sobre a suposta agresión, aínda que se espera que o alcalde a formalice durante a xornada do luns.
Segundo distintas fontes consultadas, o agresor sería un home veciño da Illa moi coñecido na localidade.
CONDENA DO CONCELLO
Desde o Concello de A Illa sumáronse na noite deste domingo á condena de todo tipo de violencias lamentando "profundamente" a "actitude violenta" do veciño que causou "serias lesións" ao alcalde.
Instan á veciñanza a utilizar o diálogo e a mediación "en calquera tipo de diverxencia" e lanzan o seu "total apoio" a Carlos Iglesias e a súa familia.
O grupo municipal socialista, do que forma parte o alcalde, condena a agresión, que cualifica de "brutal", e lamenta e condena a violencia "en calquera das súas manifestacións".