Unha agresión sexual dun xefe a unha subordinada chega a xuízo once anos despois

O Salnés
02 de decembro 2024

O fiscal cualifica os feitos como delito de agresión sexual e recoñece que concorre a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. Pide para o acusado tres anos de prisión

Sala de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra
Sala de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Máis de once anos tardou en chegar a xuízo un caso de agresión sexual no que unha muller denunciou un superior por agredila no supermercado no que traballaba.

Os feitos chegarán a xuízo o vindeiro martes 3 de decembro na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e o atraso na causa xudicial reduce a condena máxima que poderá recibir o acusado.

Así, o fiscal cualifica os feitos como delito de agresión sexual e recoñece que concorre a circunstancia atenuante moi cualificada de dilacións indebidas.

Aplicando esa atenuante, pide para o acusado tres anos de prisión, ademais da medida de liberdade vixiada durante un ano e o pago dunha indemnización á vítima de 1.000 euros por danos morais.

Os feitos que chegan a xuízo sucederon supostamente o 26 de agosto de 2013. O acusado era xefe de quenda nun supermercado de Vilagarcía de Arousa e a vítima, unha subordinada.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, ese día, o acusado tivo que entrar nunha cámara frigorífica do supermercado para comprobar o estado dunha mercadoría, e "na súa calidade de compañeiro e superior xerárquico" pediulle á vítima que entrase con el.

Unha vez dentro, segundo a Fiscalía, comezou a insinuarse e facer comentarios de índole sexual, abalanzouse sobre ela, agarrouna, empuxouna e levouna con forza contra un andel. Empezou aí a agresión a pesar de que ela "tentaba soltarse e insistíalle en que a deixase".

Usou, segundo o fiscal, "violencia para impedir que se movese", ata que entrou na cámara unha compañeira e todo terminou.

Nesta causa tamén están acusados o xerente e ao responsable de recursos humanos do establecemento porque non adoptaron "medidas inmediatas" nin cambiaron de quenda á vítima até un mes despois, pero o fiscal cre que as súas accións non foron delito e pide a súa absolución.