Este martes 1 de marzo foi un "día histórico" para o Concello de Poio, tras asinarse o acordo de cesión demanial da illa de Tambo co Ministerio de Defensa, que permitirá á administración local o uso social e turístico deste espazo emblemático na ría de Pontevedra.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, ademais de remarcar o "fito" que este acordo supón na historia do municipio, confesou que este é "un momento especialmente feliz" nos 26 anos que leva á fronte do Concello e destacou o valor deste acordo institucional conseguido por vía do diálogo e a cooperación entre administracións.
O subdelegado de Defensa, Miguel Cortés tamén se referiu á "vinculación afectiva" de Tambo coa cidadanía do municipio e destacou que o Ministerio "siempre estará a vuestra disposición" para "seguir trabajando juntos" nos plans futuros para a illa "no es que se quite Defensa del medio, es que se abre al resto de la ciudadanía", afirmou.
Miguel Cortés destacou o empeño e o traballo desenvolvido polo concelleiro Gregorio Agís para poder chegar con éxito a este momento.
Igualmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, brindou o apoio da institución "agora todas as administracións temos que traballar da man para conseguir moitas cousas fermosas para esta illa"."Agora Tambo é nosa. Que gran día", dixo a presidenta emocionada.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, compartiu con todos os presentes que el sente un veciño máis de Poio xa que leva "cinco décadas" veraneando neste municipio.
Fixo fincapé en que a transferencia da titularidade da illa de Tambo ao Concello "abre unha nova etapa de oportunidades na que Poio vai incrementar aínda máis a súa xa enorme potencial turístico" ao dispoñer dun novo espazo de gran valor ambiental, patrimonial e histórico "para uso e goce da veciñanza e visitantes".
En virtude do acordo asinado hoxe Defensa cede ao Concello a illa de Tambo por 25 anos con posibilidade de prórroga por outros 75 servirá para poñela en valor e favorecer a dinamización económica e turística con actuacións sempre de carácter social, cultural, ou ambiental, "impedindo calquera posibilidade de especulación urbanística".