Axentes da Policía Local exhiben o conflito co Concello de Marín no pleno provincial

Marín
28 de marzo 2025

Denuncian unha "burla" na execución de sentenzas favorables e acusan á alcaldesa María Ramallo de remitir sistematicamente este conflito cos axentes aos xulgados

Axentes da Policía Local de Marín no pleno provincial
Axentes da Policía Local de Marín no pleno provincial / Mónica Patxot

Axentes da Policía Local de Marín protagonizaron este venres 28 de marzo unha protesta durante o pleno da Deputación de Pontevedra portando camisetas reivindicativas para visibilizar o seu desacordo co goberno municipal e, especificamente, coa alcaldesa María Ramallo, por un conflito laboral que se arrastra desde 2017.

Segundo explicou Antonio Millares, representante de Comisións Obreiras, o problema céntrase na execución de sentenzas xudiciais favorables aos axentes que, na súa opinión, o Concello está a aplicar de forma incorrecta.

"Presentamos hai dous días os primeiros incumprimentos de execución de sentenza. Fan unha execución que entendemos que é unha verdadeira burla á policía local", declarou Millares.

O representante sindical sinalou que os pagos ordenados por sentenza "nada teñen que ver" co ditaminado polo goberno de Marín e ademais denuncia irregularidades técnicas:

"Están a facer un pago sen ningún tipo de retención nin á Seguridade Social nin ao IRPF, o que traerá un prexuízo grave aos traballadores na declaración da renda", expuxo o representante policial.

O conflito, que se xudicializou en 2020, está relacionado co pagamento da xornada festiva. Segundo Millares, o Concello debe atrasos desde 2020 até 2025, case seis anos. Os cálculos do sindicato indican que "falta pagar máis da metade do que terían que pagar".

Como consecuencia, CC.OO. presentou 15 novas demandas de execución de sentenza ante os xulgados do Contencioso de Pontevedra. Millares tamén criticou que o Concello estea "empeñado en aprobar unha Relación de Postos de Traballo que pretende legalizar algo que se declarou ilegal".

RESPOSTA DO CONCELLO DE MARÍN

O Concello de Marín ofreceu a súa visión respecto do conflito coa Policía Local, tanto no referente ao cumprimento das sentenzas xudiciais como á renovación da Relación de Postos de Traballo (RPT).

Segundo informa o goberno municipal, os 11 procedementos xudiciais que foron plantexados e resoltos sobre o pago dos atrasos nas noites e festivos correspondentes aos períodos nos que os axentes estiveron de baixa, días de permisos ou vacacións, xa foron abonados na súa totalidade.

O Concello detalla que estes pagos se realizaraon seguindo criterios técnicos e individualizando cada un dos casos, coa correspondente fiscalización. A administración local engade que o pago foi remitido ao Xulgado, pero sinala que os interesados non están de acordo coa contía, polo que se iniciou a fase de execución da sentenza.

En canto á renovación da RPT e a modificación do complemento específico, o comunicado lembra que o Pleno municipal aprobou inicialmente a modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello, que contou cos votos a favor do Partido Popular, a abstención do PSOE e os votos en contra do BNG.

Nesta nova RPT inclúese a modificación dos complementos específicos das 30 prazas de Policía Local, tal e como se esixe na sentenza, para que as noites e os festivos deixen de ser pagados como produtividade (concepto que foi aumentando ao longo dos anos) e pasen a formar parte do complemento específico como parte inherente do posto de traballo.

O Concello precisa que esta modificación implicará que as 25 prazas actualmente ocupadas terán a mesma obriga de realizar o mesmo número de noites. Actualmente, a RPT atópase en fase de alegacións.

Protesta de axentes da Policía Local de Marín no pleno provincial
Protesta de axentes da Policía Local de Marín no pleno provincialMónica Patxot

O persoal actual da Policía Local de Marín conta con 25 efectivos, cunha praza de inspector principal vacante desde hai uns 15 anos.

Millares cualificou a situación como "unha verdadeira aberración" e expresou a súa perplexidade ante a deterioración das relacións co Concello: "As relacións coa alcaldesa e a policía local nestes anos foron moi boas. Non entendemos por que pasou isto".