AGE reclama á Xunta que cumpra as sentenzas e solicite a execución da caducidade de Ence na ría

Pontevedra
29 de marzo 2015

A agrupación política acusa o PP de perpetuar o negocio da empresa papeleira durante 75 anos a costa da cidadanía e do medio ambiente

Fábrica de Ence durante a parada técnica
Fábrica de Ence durante a parada técnica / Mónica Patxot

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusa o Partido Popular de perpetuar a estanza da factoría de papel Ence na ría de Pontevedra. Así o manifestou o deputado deste partido, Antón Sánchez, tras as manifestacións do candidato do PP por Pontevedra, Jacobo Moreira, confirmando a súa aposta pola factoría. Segundo AGE, o PP traballa continuamente para que Ence siga onde está e acusa ao partido de Núñez Feijóo de mentir, cambiar de posición e funcionar ao ditado da empresa.

Por este motivo, Antón Sánchez reclama á Xunta que se cumpran as sentenzas da xustiza que aínda permanecen sen executar e que, segundo expón, obrigan a incoar o expediente de caducidade á concesión de Ence na ría.

Esta agrupación entende que na elaboración da última Lei de Costas, o PP concedeu ao Estado a última palabra sobre o destino de Ence, mesmo se a Consellería de Medio informase en contra. E sinalan que cada vez se foi restrinxindo máis a posibilidade dun informe desfavorable.

Desta forma, AGE reclama que se cumpra a sentenza do Tribunal Supremo do 11 de xullo de 2014 na que se condena ao Estado á incoación do expediente de caducidade da concesión e á adopción de todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das actividades e a suspensión do uso e explotación das instalacións. E dende este partido recórdase que o Tribunal Superior desestimou os recursos presentados por Ence e Elnosa contra o Plan de Ordenación do Litoral e as directrices de ordenación do Territorio e, desta forma, evita que a situación da empresa na ría poida prolongarse máis alá de 2018, cando finaliza a concesión.