AGE pide sancionar á empresa que xestiona o parque rupestre de Campo Lameiro pola destrución dun petroglifo

Umia
08 de abril 2015

Os grupos parlamentarios de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e PPdeG amosaron unha vez máis a súa discrepancia de pareceres en relación co parque de arte rupestre de Campo Lameiro e a presunta destrución dun petroglifo no seu recinto. Os 'populares' avogan por esperar aos informes pertinentes que os técnicos da Xunta están a facer dos danos para determinar a posible neglixencia da empresa 

Edificio principal do Parque Rupestre de Campo Lameiro
Edificio principal do Parque Rupestre de Campo Lameiro

Os grupos parlamentarios de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e PPdeG amosaron unha vez máis a súa discrepancia de pareceres en relación co parque de arte rupestre de Campo Lameiro e a presunta destrución dun petroglifo no seu recinto. AGE pide unha sanción inmediata á empresa que o xestiona, Espiral Xestión Cultural, pola destrución da citada peza e por incumprir as condicións do servizo que presta mentres que os 'populares' avogan por esperar aos informes pertinentes que os técnicos da Xunta están a facer dos danos para determinar a posible neglixencia da empresa concesionaria e adoptar as medidas que se consideren oportunas.

As discrepancias xurdiron no Parlamento de Galicia cando o deputado de AGE Xabier Ron defendeu unha proposición non de lei do seu grupo na defensa do patrimonio arqueolóxico no complexo de arte rupestre de Campo Lameiro e esixiu realizar unha auditoría sobre a xestión da empresa para determinar como gastou o diñeiro público da súa adxudicación. 

Xabier Ron lembrou a iniciativa rexistrada xa polo mes de xaneiro de 2014 na que se daba conta das supostas prácticas nepotistas que se agochaban detrás da concesión á empresa Espiral Xestión Cultural para encargarse deste parque arqueolóxico e o da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Lás (Ourense) por 1,1 millóns de euros.

Ao respecto, o portavoz de Cultura do grupo popular, lembrou que a adxudicación do mantemento e conservación do parque arqueolóxico se fixo a través dun concurso público rigoroso e transparente e engadiu que, "ante a quebra da primeira empresa adxudicataria, unha empresa constituída por traballadores do propio parque se subrogou a xestión do mesmo".

Segundo AGE, o parque vive unha situación dramática cun área arqueolóxica abandonada, visible nos sendeiros arrasados pola auga, que dificultan o paseo para as persoas visitantes e provocan caídas e escordaduras. Súmase o peche do poboado que está en pésimas condicións, a destrución patrimonial dun petroglifo de incuestionable valor, logo de limpar a zona cun tractor desbrozador con cadeas sen garantir a seguridade da zona a limpar, o que sinala carencia de planificación, organización e control das obras de desbravado da área arqueolóxica declarada zona BIC. 

Neste senso, Agustín Baamonde afirmou que a Xunta de Galicia está a cumprir coa súa obriga legal de custodia, conservación e protección do patrimonio cultural de Galicia, polo que, "fronte a esas denuncias de abandono, foi a actuación decidida do actual Goberno galego o que permitiu abrir o parque de Campo Lameiro e convertelo nun parque de conservación patrimonial e ambiental".

Arquivado en